28 de maio de 2024

GALIZA

A RFGF comprometese interpretar o himno galego completo ao inicio do partido Galiza-Panamá e a estudar que no descanso se escoite pola megafonía do estadio o himno deportivo: Galiza, un Pobo, unha selección  

Mostráronse receptivos, mais non se comprometeron, a fixar encontros da nosas seleccións todos os anos e a oficialidade das mesmas observárona inviábel neste momento 

  

Participantes na xuntanza Vía Galega e Federación Galega de Fútbol
Foto: Vía Galega


Coordenadora Nacional de Vía Galega / Galiza

 O 24 de abril, VÍA GALEGA, dirixíase ao Presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) para trasladarlle a necesidade de conseguir a oficialidade das nosas seleccións e a fixación dun calendario estable de partidos. Ao mesmo propoñiamoslle tratar diferentes aspectos relacionados coa encontro ente Galiza e Panamá. Pois ben, onte, día 27 de maio,  tivo lugar unha reunión de Vía Galega e a RFGF para tratar as cuestións referidas ao partido da selección, previsto para o día 31 de maio, a espera de fixar unha próxima reunión para cando poda asistir o presidente e abordar con máis profundidade no dereito de competir oficialmente das nosas seleccións deportivas  

 Na reunión, a que asistiron por Vía Galega Anxo Louzao, Adrián Bravo e Lucía Veciño, membros  da coordenadora nacional; e pola RFGF o vicepresidente Fernando Iglesias e o coordinador xeral José Luís Chantrero: Vía Galega tivo a oportunidade de informarlle das campañas que veu despregando, mediante diferentes actividades e accións, para reivindicar o dereito de Galiza a competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas e para esixir a fixación dun calendario estábel de competicións amigábeis, tanto da selección masculina como feminina.   

 Aínda  que se mostraron receptivos a estabelecer un calendario con datas de referencia para fixar os encontros amigábeis todos os anos, non se comprometeron, alegando as dificultades que tiñan para non coincidir coas diferentes competicións dos clubs e o custe económico da organización dun encontro das seleccións. En relación coa oficialidade das nosas seleccións, observárona inviábel neste momento, ante o marco xurídico e compentencial actual, mais si coincidían en que sería unha oportunidade para os nosos xogadores e xogadoras e que seriamos competitivos ante calquera selección do mundo. Para Vía Galega o podermos competir internacionalmente é fulcral porque as seleccións deportivas representan ao Pobo Galego, cultivan a autoestima e alimentan a conciencia de pertenza a unha nación. É inaceptábel que a estas alturas a Xunta de Galiza non conte cun orzamento anual que facilite, a nivel económico, os encontros  internacionais. Estes dous temas tan relevantes, a oficialidade e a fixación dun calendario estábel, serán cuestións a continuar a abordando na entrevista pendente co presidente da RFGF. 

 Con respecto ao partido Galiza-Panamá asumiron a nosa proposta, xa feita hai máis dun mes, de que se interprete o himno galego completo ao inicio do partido. Así mesmo, abriuse a posibilidade que no descanso do partido se escoite pola megafonía do estadio o himno deportivo: Galiza, un Pobo, unha selección, promovido, no ano 2021, por Vía Galega e que tivo unha grande acollida.  

 Ante a nosa preocupación por non ter fixado ningún partido da selección feminina de fútbol, afirmaron que non fora posíbel polo calendario de algunhas xogadoras, mais   comprometéronse a que antes de rematar o ano a nosa selección feminina terá partido internacional. 

 Tamén lle trasladamos a nosa preocupación -despois de oito anos sen partidos das nosas seleccións- pola escasa divulgación do partido cando só faltan catro días para o enfrontamento deportivo. Mostra do desleixo de toda a oficialidade e da Xunta de Galiza. Só os seareiros e as penas se están involucrando e creando o clima necesario para que o venres Balaídos se converta nun acto de afirmación nacional  coa nosa selección. Facemos un chamamento a participar na manifestación pola oficialidade das seleccións galegas, que sairá o día 31, ás 18.30, da Praza América até Balaídos para a continuación animar á Irmandiña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario