23 de maio de 2024

GALICIA

Portos de Galicia outorga títulos para a xestión de espazos públicos con bonificacións de ata o 90 % en Muxía, Laxe, O Freixo, A Guarda e Ortigueira 

 Entre as instalacións suxeitas á redución de taxas atópanse edificios de lonxa, estaleiros, estacións marítimas e aulas de formación


O concelleiro do Mar co alcalde de A Guarda, nun momento da súa visita a vila de A Guarda
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia vén de outorgar diversos títulos administrativos –autorizacións e concesións- que recollen bonificacións de ata o 90 % para a xestión de diferentes espazos portuarios nas dársenas de Muxía, Laxe, O Freixo, A Guarda e Ortigueira.    

 Así, no caso de Muxía, Portos de Galicia outorgou unha autorización para dar cobertura á explotación do edificio da lonxa por parte da confraría de pescadores da localidade durante o tempo necesario ata formalizar a nova concesión solicitada polo colectivo profesional. Tanto a autorización transitoria como a futura concesión están suxeitas a bonificación do 90 % das taxas polo uso do espazo, como impulso á actividade profesional portuaria que recolle a Lei de Taxas de Portos de Galicia.    

 Polo que respecta ao porto de Laxe, o ente público outorgou sendas autorizacións para o uso por parte da confraría de pescadores do edificio da Casa do Pescador e a zona de varada do porto. No caso da Casa do Pescador, as superficies que se empreguen como aula de formación, tal como contempla a confraría na súa solicitude, poderán ser bonificadas no 90 % do importe das taxas.     

 En canto á dársena do Freixo, Portos de Galicia vén de outorgar dúas autorizacións para cadanseu estaleiro que desenvolven neste peirao a súa actividade. Neste caso, contémplanse bonificacións do 35 % do total da taxa sobre aquelas superficies destinadas á varada para reparación de embarcacións pesqueiras e deportivas.     

Placas fotovoltaicas 

 Ademais das anteriores, Portos de Galicia tramitou tamén unha modificación substancial da concesión da confraría de pescadores da Guarda para a xestión de diversos edificios portuarios, entre eles o que alberga a lonxa. Neste caso, a bonificación ascende tamén ao 90 % do importe das taxas da zona de lonxa.     

 O obxecto da modificación substancial no caso da confraría guardesa é unificar nun mesmo título administrativo a titularidade sobre a xestión de 4 edificios portuarios a fin de instalar nos seus tellados placas fotovoltaicas para a xeración de enerxía sustentable.     

Estacións marítimas de A Guarda e Ortigueira 

 Tamén no municipio de A Guarda, Portos de Galicia vén de outorgar a concesión administrativa para a explotación do edificio da estación marítima, con servizo de cafetería. Neste caso, a concesión gozará dunha bonificación do 50 % como se recolle na liña de medidas de impulso á reactivación de edificios e locais portuarios dedicados á  hostalería que leven máis de 3 anos sen actividade.    

 Finalmente, o ente público outorgou así mesmo a concesión para a explotación do edificio de bar e cafetería do porto de Ortigueira. Neste caso, o prazo de vixencia da concesión é de catro anos e a bonificación do 50 % co mesmo concepto que na de Baiona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario