29 de maio de 2024

DEPORTES

Tomiño recoñece os logros, o esforzo e a paixón sobre o kaiac de David Mella  

Campión do Mundo de Paracanoe en Hungría, o piragüista tomiñés é todo un exemplo de superación e esforzo  


O Concello de Tomiño mantivo un encontro co piragüista tomiñés David Mella, que vén de proclamarse campión do mundo en paracanoe en CL1 200 m tras brillar con luz propia na competición celebrada na localidade húngara de Szeged

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Leva deslizándose sobre a auga dende que era un cativo, aínda que tivo que botar man da forza de vontade para adaptar a súa vida deportiva á nova realidade que lle tocou vivir tras un accidente. O Concello de Tomiño mantivo un encontro co piragüista tomiñés David Mella, que vén de proclamarse campión do mundo en paracanoe en CL1 200 m tras brillar con luz propia na competición celebrada na localidade húngara de Szeged. 

 A alcaldesa, Sandra González, gabou o mérito do goianés e salientou que para o Concello “é un orgullo contar con deportistas do nivel e da calidade humana de David, un referente incrible para todas e todos nós que demostrou que con paixón, determinación e tesón non hai meta inalcanzable”.  

 O deportista do Kayak Tudense e do Equipo Nacional de Paracanoe da Real Federación Española de Piragüismo adestra a diario para dar o mellor de si nunha categoría que aínda non está no programa paraolímpico, pero que probablemente se incluirá para Los Ángeles 2028. 

 Durante o encontro, a alcaldesa, concelleiras e concelleiros deron os parabéns a David Mella e animárono a continuar progresando e recollendo triunfos como ten feito ata o de agora.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario