28 de maio de 2024

DEPORTES

Tomiño, segunda meta voante da II Volta Ciclista ó Baixo Miño   

A cita será o vindeiro domingo 2 de xuño cun percorrido de 128 km e saída e chegada ao monte Santa Trega  

O Concello tomiñés patrocina o maillot azul celeste, que lucirá o primeiro ciclista galego en cruzar a liña de meta  


O concelleiro de Deportes, Rubén García, con membros do Goberno municipal de Tomiño e organizadores  da II Volta Ciclista ó Baixo Miño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Tras o éxito da primeira edición, chega a II Volta Ciclista ó Baixo Miño, unha proba para as categorías Elite e Sub23 organizada polo Team Oiense en colaboración co Concello de Tomiño e co resto de municipios da comarca con carácter nacional, puntuable para a clasificación nacional RFEC e segunda das probas da Copa Galicia 2024.  

 Máis de 120 ciclistas de toda Galicia e de varios equipos de Asturias, Cantabria, Castela e León, e Portugal, participarán nesta proba o vindeiro domingo 2 de xuño. Contará cun percorrido de 128 quilómetros con saída ás 10.00 horas dende o monte Santa Trega (A Guarda) e que terá no centro de Tomiño a súa segunda meta voante. Ademais, ao longo da xornada a Volta Ciclista ó Baixo Miño pasará noutra ocasión por Tomiño, neste caso pola estrada xeral cara a Tui. Segundo o rutómetro, a proba pasará por Tomiño ás 11.47 horas e por Goián ás 11.58 horas aproximadamente. 

 Nesta edición o Concello tomiñés será o patrocinador do maillot azul celeste da proba, a camisola que lucirá o primeiro ciclista galego en cruzar a liña de meta.  

 O concelleiro de Deportes, Rubén García, convida á veciñanza a desfrutar desta carreira que naceu en 2023 cunha firme vocación de continuidade “nunha comarca con grande afección e tradición ciclista”. “Para o Concello é un orgullo apoiar unha proba que terá un percorrido dunha gran beleza e que permitirá ao público gozar do Baixo Miño dun xeito único”, destaca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario