16 de maio de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés infantil disputa en casa o sector do Campionato de España  

 A Sangriña acollerá, desde este venres ata o domingo, un dos oito sectores da competición 

 No marco do torneo, o club organiza un amplo programa de actividades 


Técnicas e xogadoras do Mecalia Atlético Guardés infantil feminino
Foto: M.G.A.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Pavillón Municipal A Sangriña acolle un dos oito sectores do Campionato de España despois de que as xogadoras do Mecalia Atlético Guardés infantil proclamásense campioas de Galicia na liga regular. A Guarda convértese así desde este venres 17 de maio, ata o domingo día 19, na sede do sector A. 

 O conxunto anfitrión, dirixido por María Doiro, recibe en casa ao Oviedo BF. CTD, o BM. Loyola e o Mercería BM. La Jota. Aos seis duelos que disputarán estes equipos no torneo infantil súmase o encontro Mecalia Atlético Guardés – Replasa Beti-Onak (sábado, 20:30 horas) de División de Honra, o partido de volta correspondente á fase pola quinta praza da liga Guerreiras Iberdrola. 

 No marco do sector infantil, o club organiza un amplo programa de actividades. O sábado (11:30-12:00h), as xogadoras do primeiro equipo asinarán cromos aos nenos e nenas da base. Posteriormente, tamén na Sangriña, terá lugar o Debate a tres: “Novas regras e tendencias do balonmán moderno” no que intervirá o segundo adestrador da selección española absoluta e extécnico do Mecalia Atlético Guardés, José Ignacio Prades; a actual adestradora, Ana Cristina Teixeira Seabra; e o preparador de porteiras, Willian Roque Ferrari.  

 Así mesmo, programáronse dúas actuacións de baile: unha terá lugar no descanso do partido do equipo sénior, da man do grupo Dansá; e outra, no último encontro do sector infantil (Guardés – BM. La Jota), que estará interpretada polas bailarinas de Attitude.  

 Ao redor das 14:00 horas do domingo terá lugar a entrega de premios da competición. Todos os partidos poderán verse pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés. A entrada é gratuíta.  

Horarios – Sector Infantil:  

Venres | 18:00 H | Mercería BM. La Jota – Oviedo BF. CTD 

Venres | 20:00 H | Mecalia Atlético Guardés – BM. Loyola  

Sábado | 16:00 H | Mercería BM. La Jota – BM. Loyola  

Sábado | 18:00 H | Mecalia Atlético Guardés – Oviedo BF. CTD  

Domingo | 10:00 H | BM. Loyola – Oviedo BF. CTD  

Domingo | 12:00 H | Mecalia Atlético Guardés – Mercería BM. La Jota 

Ningún comentario:

Publicar un comentario