JAIME MOREDA SANTAMARÍA, POETA RIBEIRAO
• Visitará á vila de A Guarda para presentar seu libro Sabor a Haiku e realizar un recital poético
• Será o xoves día 23 de maio, ás 20:30 horas, na Casa dos Alonso (Praza do Reló, nº 1)
Laxe Grande / A Guarda
Jaime Moreda Santamaría (Ribadavia - Ourense), 25 de outubro de 1973), é poeta, productor e Dj de música electrónica e, finalmente, agricultor na súa horta. Estas tres facetas creativas: poesía, música e horta éncheno de orgullo e axúdano a levar esta vida dun xeito especial. Actualmente vive en Saa (Cenlle), unha pequena aldea no corazón da bisbarra de O Ribeiro, e dentro duns días visitará á vila de A Guarda, para presentar seu libro Sabor a Haiku. Será o xoves día 23 de maio, ás 20:30 horas, na Casa dos Alonso (Praza do Reló, nº 1), con acceso de balde para todos os públicos.
Grazas ao elo tecnolóxico vimos de manter co poeta á seguinte entrevista:
- Cando comezou Jaime Moreda súa andaina versificadora?
- Comecei a escribir poesía na miña adolescencia, unha poesía libre e bastante breve. Nunca fun un autor moi prolífico, mais fun gardando sempre as miñas creacións poéticas aínda que algunhas, por diferentes motivos, perdinas. Non foi ata o ano 2011 cando decidín mostrar ao mundo a miña poesía, publicando o meu primeiro poemario titulado Pequeños Poemas Desesperados, que levou dous limiares, un de Jesús Alonso Montero e outro de Newton Sabbá Guimarães e no que recopilei case toda a poesía, tanto en galego coma en castelán, que escribira ata esa data.
- Cales son súas preferencias poéticas no que respecta ao estilo e métrica?
- Respecto todo tipo de poesía xa que nada é fácil. Respecto a poesía con métrica e rima e a poesía libre, mais prefiro expresarme cunha poesía libre de métricas e rimas, e breve. Soamente escribín un poema con métrica e rima na miña vida, foi un soneto que, desgraciadamente, perdín. Eso sí, observar que me encantan os poemas con versos acrósticos, e ao longo da miña existencia escribín algúns deles.
- No tocante ao número de versos, ten algunha preferencia especial?
- Como comentei anteriormente prefiro a poesía libre e neste tipo de poesía non tes que cinguirte a un determinado número de versos. Foi a partir de 2011-2012 cando descubrín unha composición poética chamada haiku. Tentoume e comezei a escribir haikus ou poemas con Sabor a Haiku. Nesta composición, que provén do Xapón, non tiven máis remedio que comezar a cinguirme as súas características sendo unha delas un número determinado de versos e de moras (sílabas).
- Cales son as imaxes que lle inspiran poéticamente?
- Ata que chegaron os haikus a miña vida, a maioría dos poemas que escribín proviñan dunha inspiración inexplicable e o único que facía era coller o bolígrafo e un folio e escribir nel o que chegaba raudo e veloz o meu intelecto. Cando chegaron os haikus, a miña inspiración comezou a ser a Natureza, os pequenos detalles que nos ofrece e que me seducen intelectualmente. Estes pequenos detalles son moi variados, dende unha mimosa en flor ata unha libélula voando ao meu arredor.
- Cando, cómo e porqué, xurdiu Por un Ribeiro Poético e cales son súas actividades ao longo de cada exercicio anual?
- Por Un Ribeiro Poético xurdiu a comezos da segunda década do século XXI. José Luis Chao Rey e máis eu fomos os fundadores deste colectivo poético. Un bo día ocorréuseme que podíamos crear unha entidade que loitara por traer poesía a capital de O Ribeiro. Comentéillo a José Luis e pareceulle ben. Decidimos buscar un nome para dito colectivo e cada un de nós espremeu o seu cerebro buscando posibles nomes. Uns días despois xuntámonos coas propostas e decidimos que o máis axeitado era Por Un Ribeiro Poético, nome aportado por José Luis. Actualmente levamos a cabo dous eventos ao ano: un deles é Solsticios y Equinoccios Poéticos. Trátase dun evento trimestral no cal celebramos poéticamente a entrada das diferentes estacións e nel tratamos sempre de realizar a presentación dun poemario e finalizar o acto cun recital aberto a todos aqueles poetas e poetisas que se acheguen a Ribadavia e que queiran partillar a súa poesía. O segundo evento é a Xornada Solidario-Literaria dedicada a Alfaro que se leva a cabo o día 9 de agosto coincidindo co Día Internacional dos Pobos Indíxenas.
- Como agromou a iniciativa de relembrar ao poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro?
- A idea de celebrar un evento anual dedicado a José Carlos Gómez Alfaro foi de José Luis Chao Rey. A min parecéume ben e simplemente comezamos a facelo.
- En que consistíu a I Xornada Solidario-Literaria Xosé Carlos Gómez Alfaro, celebrada o día 9 de agosto de 2023?
- O acto, celebrado no patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia, consistiu nunha charla sobre [Gómez] Alfaro levada a cabo por Xosé Lois García quen coñeceu a Alfaro persoalmente. Despois eu mesmo recitei Compañeira e o acto rematou cun concerto poético a cargo de Andrés Fernández quen musica poemas de destacados poetas galegos. En fin, un acto moi emotivo e poético xa que contou coa presenza de Rosa, a dona de Alfaro, acompañada dun fillo.
- Respecto a seu libro Sabor a Haiku, como foi que vostede decidira poñer rumbo á vila de A Guarda, para súa presentación?
- Son da opinión de que nada chega si te quedas na túa casa. Son partidario de moverme a donde faga falla para mostrar as miñas creacións ao mundo, aínda que, polo de agora, non sexa moi coñecido como poeta. Recordei que en A Guarda teño un contacto, Ricardo Rodríguez, a quen estou desexando coñecer persoalmente, e púxenme en contacto con el para que me botara unha man para levar a cabo unha presentación aí, en A Guarda. E así foi que, coa súa axuda, podo achegarme o vindeiro día 23 de maio, a presentar Sabor a Haiku en terras guardesas.
Ao tempo que persoalmente lle agradecemos que pensase achegarse ata esta fermosa ribeira atlántica, queremos saber que lle motiva o esforzo de vir ata eiquí?
- Confío nas miñas creacións, tanto poéticas como musicais, e confío en que lle gustarán a todos e todas aquelas persoas que decidan achegarse a presentación de Sabor a Haiku e que pasarán un bo rato na presentación deste poemario. E moitos descubrirán que existe unha composición poética chamada haiku na que a Natureza é a súa estrela e base. A quen non lle gusta un espectacular solpor, pois imaxínense iso sintetizado nunha composición poética de tres versos.
- Que poden descubrir en Sabor a Haiku os amantes da poesía?
- Descubrirán esencia natural en soamente tres versos. A esencia é algo sumamente importante. Non se vende en ningún mercado, e como todo o sumamente importante non ten prezo. Descubrirán tamén humildade e respeto pola Natureza Nai.
- Algo máis que engadir?
- Pois observar que convertirme en haijin - escritor de haikus -, foi un dos acontecementos máis importantes da miña existencia e que seguirei escribindo haikus o resto da miña vida xa que sempre haberá algún acontecemento natural que me sorprenda e seduza ao meu intelecto e queira sintetizalo, fotografalo, sempre respectuosa e honestamente, en forma de haiku.
Ningún comentario:
Publicar un comentario