13 de maio de 2024

CULTURA

Alfonso Rueda pon en valor un novo récord do Camiño de Santiago ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano 

 Salienta que o obxectivo non son as cifras, senón que cada peregrino se sinta acollido 

 A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido


De esq. á der.: Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia: Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Milagros - peregrina nº 100.000 deste ano 2024 - e seu marido
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela 

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que o Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido.  

 O titular do Executivo galego puxo en valor esta cifra e enmarcouna na boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Aínda así, resaltou que o obxectivo principal é o trato que se lles da aos peregrinos: “non imos obsesionarnos coas cifras: o que nos interesa é acollelos. Que sentan, desde que entran en Galicia, na súa casa”, destacou Rueda.  

 Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%. Ademais, o camiñante estranxeiro cada vez ten unha relevancia maior, xa que actualmente 6 de cada 10 Compostelas que se entregan son para algún visitante de fóra das nosas fronteiras.  

 Por último, o presidente galego comprometeuse a seguir traballando por preservar os valores do Camiño e un modelo turístico sustentable e ordenado: “empezan agora os meses fortes do Camiño, e faremos todo o posible para que cada peregrino se sinta como o único, que sexa algo moi especial e que se leven un magnífico recordo de Galicia”, apuntou Alfonso Rueda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario