Máis de 250 persoas descubriron a historia de Baiona no arranque de Eureka Reto Rural
• O equipo ‘Arwen’ foi o gañador do reto, galardoado cunha experiencia enogastronómica no concello de Soutomaior
• Este sábado 18 nova cita en Nigrán. Inscricións xa abertas na web
Infogauda / Baiona
Grandísimo éxito de acollida da primeira cita de ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se realizarán 14 xogos de escapismo de balde ao aire libre nos concellos do territorio. Máis de 250 persoas participaron en Baiona nunha aventura temática coa que percorreron as rúas do porto e do centro histórico da vila para mergullarse na historia da arribada da Carabela A Pinta e desfrutar dunha mañá de emocións, diversión e moito entretemento.
O equipo ‘Arwen’ foi o gañador da primeira habitación de escape de ‘Eureka Reto Rural’, premiada cunha experiencia enogastronómica para seis persoas no concello de Soutomarior, con visita a un viñedo ancestral con bodega e museo, cata e comida comporta por catro pratos de produtos da ría e razas autóctonas e maridaxe de tres viños na Adega Quinta das Eiras. Por outra banda, o equipo ‘Pitufinas’ fíxose cun lote de produtos do territorio valorada en 150 euros sorteada polo Concello de Baiona.
As persoas que non puideron acudir ao encontro en Baiona poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade estará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino.
‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será este sábado 18 de maio en Nigrán cun percorrido polo imaxinario de Domingo Villar e a súa obra ‘A praia dos afogados’.
As persoas que desexen participar en calquera das habitacións de escape deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario