23 de maio de 2024

A GUARDA

Proxección da curtametraxe "Antes de que se poña o sol" 

  Escrita e dirixida polo guardés, Nani Matos, proxectarase o vindeiro 31 de maio ás 21:00h, no Centro Cultural de A Guarda

   



Infogauda / A Guarda

 "Antes de que se poña o sol", escrita e dirixida polo guardés, Nani Matos proxectarase o vindeiro día 31 de  maio ás 21:00h, no Centro Cultural de A Guarda, con entrada de balde ata completar aforo. Contaremos coa presenza do seu director e co equipo da mesma. 

 A curta fala dos conflitos familiares entre os pais e os fillos adultos. Un drama familiar ambientado no mundo rural que nos achega á dificultade de aceptar o paso do tempo e respectar as decisións dos demais.  

 Rodada na parroquia de Rebordáns, en Negreira (A Coruña), a curtametraxe conta cun elenco de luxo formado por Mela Casal, Victoria Teijeiro, Machi Salgado, Teté García, Xosé M. Esperante, e o propio Nani Matos, quen participa por primeira vez como actor nunha das súas curtas. Ademais, poderemos ver o debut no cinema da moza guardesa, Sabela Rodríguez.  

 A Facultade de Belas Artes de Pontevedra colaborou coa curtametraxe, contando co alumnado vencellado á aula de audiovisuais que participaron nos distintos departamentos da produción.

 A curta  foi seleccionada para participar en varios festivais nacionais e internacionais de cinema, consolidando a súa presenza no circuíto cinematográfico global. 

 "Antes de que se poña o sol" estreouse no Teatro Principal, de Pontevedra, e, ata o momento, leva acadado máis de 60 seleccións en festivais nacionais e internacionais, ademais de 23 premios. 

 A curta foi seleccionada no Festival de Málaga e foi finalista aos Premios Mestre Mateo que outorga a Academia Galega do Audiovisual, e aos Blogos de Oro, premios do Cine Español Independente. Recentemente, foi seleccionada no Seoul International Senior Film Festival, en Corea do Sur e no Rustenburg Film Festival, en Sudáfrica.   

 Entre os seus galardóns destacan, entre outros, o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe de Ficción e o Premio do Público, no Festival Nudos Cortos, de Sigüenza (Guadalajara). O Premio Especial do Xurado e o Premio á Mellor Dirección, no Festival Internazionale del Cinema de San Giovanni, en Génova (Italia). O Premio do Público no Festival Internacional de Berriozar (Navarra), ou o Premio á Mellor Actriz, no Cimemafost, en San Fost de Campsentelles (Barcelona).  

 Nani Matos é actor, director e guionista. "Antes de que se poña o sol" é a súa cuarta curtametraxe, tras "Dies dei" (2009), "Flores para Amalia" (2013) e "Lurna" (2016). Entre todas, suman máis de 200 seleccións nacionais e internacionais e preto de 50 premios. "Lurna" é a súa curta máis premiada, seleccionada en máis de 25 países e acadando 32 premios. Actualmente, Nani Matos está inmerso na escritura de varios proxectos e na interpretación.  

 Esta actividade está subvencionada polo CIM (Centro de Información á Muller) do Concello de A Guarda e polo Ministerio de Igualdade dentro do Programa de Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 

Ningún comentario:

Publicar un comentario