Dúas presentacións de libros para esta semana no Concello da Guarda
• A Casa dos Alonso acollerá a presentación dun poemario en clave de haiku, de Jaime Moreda, e a novela Galicia para debutantes, de Juan Carlos González
Infogauda / A Guarda
Dúas presentacións literarias serán as citas culturais para esta semana no Concello de A Guarda.
O xoves 23 de maio ás 20:30h., na Casa dos Alonso, Jaime Moreda, poeta ribadaviense, estará presentando o seu segundo libro, Sabor a Haiku.
En palabras do seu autor “é o mellor título para un poemario non escrito en lingua xaponesa, e publicado no século XXI, por se os seus poemas non cumpren as oficiais características que todo haiku debería ter, que, polo visto, son máis nada que tres.
O poemario é atractivo e produce unha natural e suave salivación na boca coma se estiveses a cheirar os efluvios do teu prato favorito cociñado pola túa avoa; os seus poemas non che deixarán indiferente”.
O vernes 24, ás 20h., no salón de plenos do Concello de A Guarda, será en cambio, a presentación de “Galicia para debutantes”, de Juan Carlos González, un libro que recolle tres novelas nunha para cautivar ao público, cunha linguaxe fresca, un ritmo ameno, unha boa dose de humor e unha prosa cativadora, levando ao lector de paseo por unha Galicia rural retratando esa sociedade que tan ben coñece. Cunha mirada única e a través das historias de 'As Termópilas', 'A saga de Marita Arnela' e 'Di Charo', González logra levar ao público a unha Galicia que enterra as súas raíces neses pobos nos que todos se coñecen e coñecen de todos, pero todas e cada unha das persoas teñen o seu pequeno secreto gardado celosamente. Unha Galicia que mostrará ao lector como ata a persoa máis lista acaba sendo unha pardilla e unha debutante terá que estar ao tanto se non quere perder máis que a honra e algúns cuartos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario