11 de abr. de 2024

VIGO

Cetmar mostra a importancia da observación mariña e a problemática do ruido no mar a mais de 650 estudantes pontevedreses 

 Técnicos da Unidade de Tecnoloxías Mariñas impartiron no último mes 25 charlas para alumnado de 3 a 17 anos en 9 centros educativos 


O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar recibiu hoxe na súa sede en Vigo cerca de 40 escolares de Primaria do CEIP Carlos Casares, de Nigrán
Foto: X.G.


Infogauda / Vigo 

 O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar recibiu hoxe na súa sede en Vigo cerca de 40 escolares de Primaria do CEIP Carlos Casares, de Nigrán, unha visita enmarcada dentro do ciclo de charlas sobre a importancia de observación mariña e sobre os efectos do ruído neste medio acuático que viñan impartindo técnicos da Unidade de Tecnoloxías Mariñas (Utmar) en diferentes colexios e institutos da provincia de Pontevedra. 

 Os estudantes de 1º e 2º de Educación Primaria foron recibidos polo persoal da Utmar, que na súa benvida a escolares e profesores resaltaron a importancia da difusión da labor de servizos como o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia entre o alumnado galego. 

 Sobre os traballos e medicións que realiza o devandito Observatorio e sobre a importancia da observación mariña versou a primeira parte da charla impartida aos escolares de Nigrán, ao igual que sucedera nos outros 8 centros onde se desenvolveu este ciclo denominado Os sons do mar, que se iniciaba a mediados de febreiro no IES Mendiño de Redondela. 

 Técnicos da Unidade de Tecnoloxías Mariñas de Cetmar foron os encargados de impartir a charla informativa ao alumnado, que puido aprender ademais sobre o ruído mariño, as súas características e a súa problemática no medio mariño. 

 A través de sendas dinámicas, os escolares puideron plasmar por escrito ou en debuxos os seus coñecementos sobre o que se pode observar e medir no mar, ademais de identificar ruídos mariños en gravacións propias do observatorio ou tomadas de repositorios abertos nun xogo que puxo fin a actividade. 

 Coa visita do CEIP Carlos Casares de Nigrán, a Utmar pecha o ciclo de charlas sobre Os sons do mar que, impartidas en tódolos casos por traballadoras de Cetmar, serviron ademais para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia 2023. 

 En total impartíronse 25 charlas en 9 centros educativos da provincia de Pontevedra, 2 en institutos de Educación Secundaria (Mendiño, de Redondela e A Basella, de Vilanova de Arousa) e 7 en centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP da Cruz-Camos e CEIP Carlos Casares, de Nigrán; A Sangriña, de A Guarda; Torre Cela, de Bueu; Rosalía Castro, e Monterrei, de Vigo; e O Hío, de Cangas). O programa alcanzou a un total de 650 alumnos, desde os 3 ata os 17 anos, e ao seu equipo de docentes. 

 Tamén dentro das súas actividades de difusión e cultura oceánica, Cetmar estivo hoxe no CEIP Humberto Juanes, de Nigrán, impartindo un taller interactivo para coñecer a Ría de Vigo e axudar a mantela limpa. Un total de 70 estudantes de 9 a 11 anos deste centro pontevedrés e da St Johns RC School de Manchester, coa que están a manter un intercambio, participaron xunto aos seus profesores nos talleres, impartidos por técnicos da área de Formación do Centro Tecnolóxico do Mar. 

Observatorio Costeiro 

 O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, en cuxo marco desenvolveuse o programa de charlas clausurado hoxe, ven prestando servizos de monitorización e predición do estado da mar desde fai 15 anos. A integración de sistemas de observación, predicións e servizos para facilitar o acceso e interpretación da información meteorolóxica e oceanográfica son  os eixes centrais deste servizo, focalizado en dar soporte aos sectores da economía azul.   

 O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Meteogalicia manteñen o Observatorio en virtude dun convenio entre as consellerías do Mar e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario