24 de abr. de 2024

TUI

Xa está aberta na praza da Inmaculada a “Casa dos libros orfos”


Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura n“Casa dos libros orfos”
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 Dende onte, 23 de abril, Día Internacional do Libro, está en funcionamento, nun dos quioscos da céntrica Praza da Inmaculada,  a “Casa dos libros orfos”, unha iniciativa da Biblioteca Municipal tudense. 

 A biblioteca tudense depositou no antigo quiosco,  un amplo conxunto de libros repetidos ou descatalogados que pon ao dispor da cidadanía que pode collelos en calquera momento para gozar dun rato de lectura na propia praza ou levalo á casa, e mesmo quedarse con el coa única condición de deixar outro no seu lugar. Nesta “Casa dos libros orfos” tamén teñen cabida os libros que xa non interesan nos andeis domésticos, coa condición que non sexan enciclopedias ou libros obsoletos.   

 Como indican dende a Biblioteca Municipal, este quiosco convértese así nun espazo de acollida de libros e de lectores. Son libros orfos os que queremos darlle unha nova vida neste quiosco, a súa casa.  

 En palabras de Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, esta proposta trata de achegar os libros á veciñanza, dándolle unha nova oportunidade aos libros repetidos, para converterse nunha ocasión de lecer, de coñecemento ou de enriquecemento persoal. A concelleira convida á veciñanza a achegarse a esta “Casa dos libros orfos” cunha chamada a manter o orde nos andeis deste quiosco e a non estragar as obras alí depositadas.  

 Esta actividade forma parte da programación do “Mes das Letras” que promove a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade a través da Biblioteca Municipal. A próxima cita será este venres, 26 de abril, ás 20 h, na Sala Municipal de Exposicións (Edificio “Francisco Sánchez”), coa presentación do libro “Querida Arcea”, de Felín Romero, organizado pola Librería Nobel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario