23 de abr. de 2024

TOMIÑO

Tomiño comezou a renovación de 2.000 luminarias públicas que suporán un aforro enerxético do 60%  

 O Concello investirá case un millón de euros nesta iniciativa, que forma parte dos proxectos financiados con fondos europeos que permitirán seguir transformando o municipio   


O Goberno municipal xa comezou a renovación de 2.000 luminarias públicas
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Concello continúa a dar pasos para transformar Tomiño en todos os eidos. O Goberno municipal xa comezou a renovación de 2.000 luminarias públicas, un proxecto de mellora da eficiencia enerxética do alumeado exterior para o que o Goberno local captou case 836.000 euros de fondos europeos e que permitirá acadar un aforro enerxético do 60% e unha importante redución na partida que cada ano o concello dedica a iluminación. 

 “A renovación do alumeado público é un dos numerosos proxectos que temos en marcha para dar solución a necesidades detectadas e transmitiras pola veciñanza, mellorando as instalacións públicas e avanzando de forma firme na nosa aposta pola eficiencia enerxética e por mellorar o benestar dos nosos veciños e veciñas. Porque queremos un Tomiño cada vez máis verde, sostible e xusto”, destaca a alcaldesa, Sandra González.  

 A través das axudas do Programa DUS 5000 no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o Concello xa está a cambiar 2.000 das 7.000 luminarias municipais por novas de tecnoloxía LED e renovará case o 25% dos cadros de mando municipais, que van ser reformados para adaptalos á nova normativa vixente. Ademais, instalarase tamén un sistema de telexestión nestes cadros que permitirá obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos. 

 Este proxecto de renovación do alumeado público é tan só un exemplo da capacidade de captación de fondos NextGenerationEU por parte do Goberno municipal, grazas aos que se porán en marcha diferentes iniciativas nas que a sostibilidade, a recuperación de espazos e a mellora da calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas serán os protagonistas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario