O Real Mosteiro de Oia acollerá “A Treboada no Mosteiro”
• Con motivo dos 400 anos da batalla histórica
• O Real Mosteiro de Oia convida a todo o público a asistir á VI edición de “A Treboada no Mosteiro” o vindeiro sábado 20 de abril
Sibila Leis / Oia
O Real Mosteiro de Oia prepárase para conmemorar o que foi un momento crucial na súa historia coa sexta edición de "A Treboada no Mosteiro" o sábado 20 de abril. Este evento anual, que lembra a valente loita dos monxes contra os piratas en 1624, adquire un significado especial este ano ao cumprirse catro séculos desa batalla.
A xornada estará chea de actividades para toda a familia, con gran enfoque para o desfrute dos máis pequenos da casa. O acceso será libre e de balde para todos os asistentes ata completar capacidade e ademais este ano a celebración non só se desenrolará no propio mosteiro, se non que, se estenderá a todo o centro histórico da vila.
"A Treboada no Mosteiro", que fai referencia ao tronar dos canóns da Praza de Armas, ofrecerá unha variedade de actividades distribuídas por todo o recinto do cenobio cisterciense. Actividades nas que os asistentes poderán participar activamente, mergullándose así na historia e a cultura do lugar, grazas a contacontos, experiencias de realidade virtual, obradoiros creativos, visitas teatralizadas, torneos históricos e moito máis. As actividades están programadas desde ás 11:30 ata ás 19:00 horas.
Sarah Barbará, responsable da dinamización cultural do Mosteiro, resaltou a transcendencia deste evento como unha gran oportunidade para Oia e a súa comunidade. “O feito histórico que celebramos ten tal importancia, que sabemos que non pode quedar tralos muros do mosteiro. Fai 400 anos os monxes non loitaron sós, toda a veciñanza uniuse a eles e mais aos soldados que habitaban no mosteiro para defender a costa duns ataques da piratería que naquel entón eran realmente problemáticos en Galicia.”
Na actividade colaboran tamén o Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra.
"A Treboada no Mosteiro" marcará a última apertura do Real Mosteiro de Oia antes de que comece o proxecto de restauración e rehabilitación anunciado no principio do ano.
Para máis detalles sobre o programa de actividades de "A Treboada no Mosteiro" 2024, premer eiquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario