“A flor das Rías Baixas”, protagonista da fin de semana en Tui
• Coa celebración da IX Mostra da Camelia Cidade de Tui, organizada por ATUCA, no claustro da catedral de Santa María
Infogauda / Tui
“A flor das Rías Baixas” será protagonista da fin de semana en Tui coa celebración da IX Mostra da Camelia Cidade de Tui no claustro da catedral de Santa María. O Concello de Tui colabora un ano máis neste evento organizado por Amigos Tudenses da Camelia (ATUCA).
Este sábado, ás 12.30 h, terá lugar a inauguración que contará coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a representantes da Xunta de Galicia; da Deputación de Pontevedra; do Concello de Tui; do Cabido da Catedral; da Sociedad Española de la Camelia; da International Camellia Society; e de ATUCA.
No claustro da catedral comezará mañá sábado a primeira hora a montaxe dos 123 metros de exposición, nos que un total de 75 persoas de Galicia, Asturias e Portugal, amosarán distintas variedades desta flor, algunhas delas novidosas que se exporán por vez primeira.
A IX Mostra da Camelia Cidade de Tui poderá visitarse este sábado de 16.30 a 20.30 h e o domingo de 10 a 14 h e de 16 a 20 h. O sábado, no acto inaugural, actuará o grupo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, e o domingo na clausura a Rondalla O Mosteiro, de Pexegueiro, que previamente, dende ás 18 h fará un pasacalles pola cidade até rematar na praza de San Fernando.
Dende o Concello de Tui destácase a importancia desta mostra, que abre o calendario anual de exposicións da Sociedade Española da Camelia, que traerá a Tui a centos de persoas afeccionadas á coñecida coma “A flor das Rías Baixas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario