7 de ago. de 2023

TOMIÑO

Comezan as obras de mellora da rede de saneamento en Vilachán  

O Concello acomete estes traballos de mellora e ampliación da rede de saneamento cun orzamento de máis de 160.000 euros  


Comezaron hoxe as obras de mellora da rede de saneamento na zona de Vilachán
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A concellaría de Servizos Públicos do Concello de Tomiño comezou hoxe as obras de mellora da rede de saneamento na zona de Vilachán, que dá servizo a 32 vivendas dos barrios de Torneiros, Arrotea, Vilachán e O Xibao.  

 A actuación, cun coste superior aos 160.000 euros, cofinanciado polo Pan Concellos da Deputación de Pontevedra, ten un prazo de execución de tres meses, e consiste na ampliación dun tramo da rede e a mellora doutro tramo xa construído.  

 En concreto, colocarase un colector de 1.100 metros de lonxitude, dos cales 240 son de renovación do colector existente, por fallos no funcionamento. Ademais, renovaranse oito acometidas (conexión do colector principal coas vivendas). 

 Con esta obra, o Concello de Tomiño continúa acometendo obras de saneamento en distintos barrios do termo municipal, que se están a levar a cabo en varias fases e que se seguirá a ampliar progresivamente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario