Éxito de participación nas Rutas de Artes e Oficios do Concello de Tomiño
Arredor de 60 persoas achegáronse aos tres roteiros, que visitaron o Viveiro da Barxa, Cítricos Rías Baixas e o Obradoiro de madeira Vikënsen
Infogauda / Tomiño
O patrimonio cultural e artístico de Tomiño volveu ser o protagonista das Rutas de Artes e Oficios, que este ano visitou o Viveiro da Barxa, Cítricos Rías Baixas e o obradoiro de madeira Vikënsen. Estas rutas son unha cita xa consolidada de cada verán, e este ano gozou dunha grande acollida por parte da veciñanza.
Na primeira das visitas, ao Viveiro da Barxa, as persoas asistentes coñeceron polo miúdo da man do seu xerente, as instalacións e o traballo neste espazo de cultivo de gramíneas ornamentais.
O segundo roteiro visitou as fincas de Cítricos Rías Baixas, en Barrantes, onde as persoas participantes puideron coñecer e saborear os froitos que alí se cultivan.
No terceiro roteiro, visitouse en pequenos grupos, o obradoiro de torneado en madeira Vikënsen, en Goián, para descubrir como se traballa a madeira de forma totalmente artesanal. A alta demanda do terceiro roteiro, e o espazo reducido do obradoiro, obrigou a facer un grupo de agarda para futuras visitas.
O Concello de Tomiño organiza desde 2017 estas Rutas de Artes e Oficios, co obxectivo de poñer en valor a riqueza patrimonial e cultural do municipio. Así, cada verán percórrense diferentes empresas tomiñesas, a través de visitas guiadas e de balde, nas que o público descubre o patrimonio e mais o talento locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario