1 de mar. de 2023

TOMIÑO

Tomiño aproba o seu Plan da Infancia e Adolescencia e optará a repetir como Cidade Amiga da Infancia de Unicef  

 O pleno aprobou tamén este martes varias modificacións no apartado de persoal que suporán importantes melloras  

 O Goberno municipal acordou ademais instar á Xunta e ao Goberno estatal a declaración de zona de emerxencia para facer fronte aos cuantiosos danos causados polo temporal do Nadal  


A Corporación Municipal do Concello de Tomiño nun momento da sesión plenaria
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño celebrou este martes 28 de febreiro, unha nova sesión plenaria na que se debateron e aprobaron numerosas iniciativas que afondarán na mellora de diferentes aspectos do municipio e da súa veciñanza. Así, saíu aprobado por unanimidade o II Plan Municipal da Infancia e da Adolescencia, un documento baseado nun estudo da situación na que se atopan nenos, nenas e mocidade no municipio e que inclúe as directrices e obxectivos a alcanzar polo Goberno local ata o ano 2026 para seguir dando una participación protagonista a infancia e adolescencia.  

 Con este plan complétase a candidatura de Tomiño a Cidade Amiga da Infancia de Unicef, xa que o plenario tamén aprobou por unanimidade revalidar o selo que recoñece o compromiso do Goberno municipal coa cativada e a mocidade tomiñesa a longo e medio prazo. Este recoñecemento debe revalidarse cada catro anos e, aínda que Tomiño conseguiu este selo xa no 2018, debido á pandemia as renovacións pospuxéronse un ano. 

 Xunto ao balance das contas económicas, que amosaron a situación saneada da que goza o Concello, durante o pleno tamén se aprobaron diferentes medidas relacionadas co apartado de persoal que suporán importantes melloras. Así, ratificouse o convenio colectivo e regulador de funcionarios e laborais aprobado unanimidade en mesa de negociación e ratificado tamén por unanimidade no pleno. Aprobouse tamén unha modificación da Relación de Postos de Traballo que permitirá, por exemplo, unha quenda de guardias localizadas en Vías e Obras para cubrir calquera emerxencia que poida xurdir no municipio. Así mesmo, incluíronse dous novos postos de auxiliares de policía local fixos-discontinuos.  

 Coincidindo coa data na que se cumpren dous meses dos temporais de Nadal que causaron importantes e cuantiosos estragos en Tomiño, o Goberno municipal tamén acordou por unanimidade instar á Xunta a que declare a zona de emerxencia e un decreto que contemple os concellos afectados polas inundacións, así como a que elabore un informe dos danos rexistrados para solicitar ao Goberno do Estado a declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil que permita a distribución urxente de axudas ás localidades, persoas e empresas afectadas. 

 Na moción presentada, o Goberno municipal lembrou que a provincia de Pontevedra foi a máis afectada pola sucesión de temporais que varreu o territorio galego, con 200 das 400 emerxencias rexistradas en toda a comunidade durante o 1 de xaneiro. A factura para os concellos foi cuantiosa e supón unha lousa para as economías municipais, polo que reclaman á Xunta que rache o silencio mantido ata o de agora e adopte as medidas necesarias. Ademais, na moción pídese á Deputación de Pontevedra que aprobe un plan complementario de axudas unha vez que a Xunta teña aprobada a declaración de zona de Emerxencia de Interese Galego e o decreto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario