1 de mar. de 2023

O ROSAL

José Carlos Martínez Crespo insta ao BNG que se deixe de tanta foto e que faga algo polos veciños e veciñas do Rosal  


José Carlos Martínez Crespo, candidato polo PSdeG-PSOE á alcaldía  do Rosal

Infogauda / O Rosal

 José Carlos Martínez Crespo, candidato polo PSdeG-PSOE á alcaldía  do Rosal, vén de “pedir aos responsables locais do BNG que traballen polos veciños e veciñas do municipio e que se deixen xa de tanta foto e promoción das promesas incumpridas empregando os soportes mediáticos municipais. 

 Nas últimas semanas están mantendo reunións con veciños para que participen na redacción de proxectos en diversos puntos do municipio, xustamente agora que veñen as eleccións e non se cumpriu coas espectativas creadas (como mínimo soa a chantaxe electoral)”, afirma José Carlos Martinez Crespo.  

 Para o candidato do PSdeG-PSOE “o BNG local do Rosal non está a levar unha política propia, senón máis ben unha política marcada polas directrices do partido dende Tomiño, mostra diso é que a maioría das propostas que teñen realizado ao longo desta lexislatura tamén se teñen realizado de igual xeito en Tomiño”. 

 José Carlos Martínez Crespo indica “a falla de proxecto para un municipio como é o Rosal, onde as particularidades non son as mesmas que en Tomiño”.  “Non podemos - engade - ter un goberno que copia o proxecto doutro concello para querer implantalo na nosa localidade, hai que ter en conta que O Rosal é O Rosal, non é Tomiño”. 

 O PSdeG-PSOE do Rosal atópase xa nestes intres pechando a súa candidatura de cara aos comicios electorais de maio de 2023, indicando o candidato á alcaldía, José Carlos Martínez Crespo, que “trátase dunha lista moi variada, con rosaleiros e rosaleiras de todas as franxas de idade, con diferentes tipos de formacións académicas e cunha ilusión e compromiso por traballar polos veciños e veciñas do municipio para acadar un futuro mellor”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario