A ÁREA SANITARIA DE VIGO E O CONCELLO DE OIA TRABALLAN NA MELLORA DA ATENCIÓN SANITARIA
· O xerente da Área e a alcaldesa da localidade mantiveron hoxe unha xuntanza para buscar fórmulas conxuntas que permitan mellorar a situación, motivada pola carencia de médicos para realizar substitucións
· A dirección sanitaria conseguiu cubrir as ausencias dos profesionais a maior parte da xornada, e agora acordouse reforzar os circuítos administrativos para mellorar a xestión da demanda
Infogauda / Oia
O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prito, e a alcaldesa do Concello de Oia, Cristina Correa Pombal, mantiveron hoxe unha xuntanza "para buscar fórmulas de mellora da atención prestada nestes momentos á poboación dese concello. Trátase dunha situación puntual e conxuntural, motivada pola carencia absoluta de médicos na listas de contratación para realizar substitucións nesta época estival".
Desde a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo afirman que "a día de hoxe, os 2 médicos de familia do centro de saúde de Oia están en situación de baixa laboral e ante a imposibilidade de dispor de substitutos, a dirección sanitaria conseguiu dar cobertura a esas ausencias a maior parte da xornada, grazas á colaboración de facultativos doutros concellos, que aceptaron realizar prolongacións da súa xornada laboral en Oia.
Sen embargo, estas coberturas ten xerado algúns desaxustes das axendas de citación, polo que o xerente e a alcaldesa acordaron reforzar os circuítos administrativos para mellorar a xestión desa demanda e a comunicación coa poboación".
4 persoas positivas no cribado
No transcurso da xuntanza ambos dirixentes tamén trataron o tema do "cribado realizado o pasado luns día 5 en Oia, ata onde desprazouse un equipo de profesionais sanitarios para realizar a proba PCR a 418 veciños convocados, a maioría nun rango de idade entre 18-40 anos. A participación acadada foi dun 55,9%; isto é, participaron 236 persoas nas que se diagnosticaron 4 casos positivos".

Ningún comentario:
Publicar un comentario