20 de xul. de 2021

O ROSAL

A maxia de Leilía e o son tradicional dos Carunchos, van chegar ao Rosal   

· O venres día 24 de xullo, ás 21:00 horas, na Praza do Calvario

· Xa se poden reservar as entradas na web do Concello para desfrutar deste concerto 

 


Infogauda / O Rosal

 A axenda cultural de verán regresa esta fin de semana ao Rosal cunha cita dobre. Este venres 24 de xullo dende ás 21.00 horas, a Praza do Calvario, acollerá dous concertos nos que a maxia e a música tradicional camiñarán da man.  

 Leilía chegará co seu espectacular traballo, no que apostan por recuperar a tradición galega ao son das pandeiretas, incorporando instrumentos e polifonías non tradicionais para dar continuidade ao pasado a través do presente. Seis voces femininas que fan recollidas de coplas tradicionais galegas con interpretacións moi respectuosas coas versións tradicionais na letra e na execución vocal. 

 E tras o meigallo destas seis artistas será a quenda dos Carunchos. Ás 23.00 horas este grupo de tradición oral subirase ao escenario coa súa mestura de cantigas e melodías de nova composición con antigos romances e pezas populares.  

 A reserva de entradas, de balde, xa pode realizarse a través da web municipal. Para garantir a saúde de todas e todos, a actividade contará con aforo limitado e con todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario