1 de xul. de 2021

ECONOMÍA

A CIG clama nas rúas contra unha reforma que empobrece as  nosas pensións 

· O colectivo de persoas xubiladas da central sindical mobilizouse este  xoves nas sete cidades galegas


O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da  CIG levou a cabo mobilizacións nas sete cidades en defensa do sistema público e para  reclamar unhas prestacións dignas e garantidas

Foto: CIG
  

Infogauda / Galiza

 A CIG protagonizou hoxe a primeira resposta nas rúas contra a reforma das pensións que veñen de  pactar o Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais e que suporá un  empobrecemento xeneralizado das contías. O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da  central sindical levou a cabo mobilizacións nas sete cidades en defensa do sistema público e para  reclamar unhas prestacións dignas e garantidas. 

 A CIG amosou deste xeito o seu rexeitamento tanto ás formas como ao fondo dun acordo que non  reforza o sistema público e que mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, así como a supresión na práctica da modalidade de xubilación parcial.  

 Trátase da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que  anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da UE para acceder aos fondos de  reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de  sustentabilidade, antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade  interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das  xeracións do coñecido como baby boom. 

 A central sindical considera que a reforma acordada “é insuficiente e mesmo regresiva” porque  seguirá en vigor na súa integridade a “brutal reforma” de 2011 que ten levado a unha caída  importante nas contías das pensións (de arredor dun 25%), xa que supuxo unha ampliación  progresiva da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cálculo (que pasou dos 15 aos 25  anos) e suprimiu na práctica a xubilación parcial, tal e como se sinalou durante as protestas. 

Iguais ao salario mínimo 

 Tamén se denunciou que con esta nova modificación non se garante o poder adquisitivo das  prestacións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo  interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, dacordo coa Carta Social Europea,  revalorizable co IPC real”. 

 As concentracións de hoxe fan parte da intensa campaña de mobilizacións que está a desenvolver a  central sindical a través do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas en demanda dunhas  pensións dignas e garantidas e para reclamar ademais a creación dun servizo público galego de  atención ás persoas, o incremento dos orzamentos da atención á dependencia e un aumento de  prazas públicas en residencias e centros de día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario