Continúa aberto o prazo para que os negocios podan solicitar axudas para cubrir gastos relacionados coa COVID
• Esta liña de axudas está dirixida a entidades do 3º sector que desenvolvan actividades económicas, e conta cunha partida orzamentaria de 75.000 euros
Infogauda / A Guarda
Desde o inicio da pandemia o Concello de A Guarda leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos desta crise.
Recentemente vén de finalizar o prazo de presentación de solicitudes para a primeira liña de axudas, que estaba dirixida a aqueles negocios que tiveron que pechar temporalmente a raíz da Orde do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Xunta de Galicia, que obrigou ao cese de actividade en ximnasios, piscinas, establecementos de restauración ou albergues turísticos, entre outros.
De acordo cos datos feitos públicos polo equipo de goberno do Concello de A Guarda "presentáronse a esta convocatoria un total de 42 empresas, fundamentalmente do sector da hostalería. A estas axudas, que ascendían a un máximo de 700€ por negocio, súmanse a redución do 25% na taxa de lixo que se aplicou a todos os negocios da vila que o solicitaron, e que foi aplicada a un total de 70 establecementos.
Outra das medidas urxentes postas en marcha polo Concello para apoiar ao sector da hostalería consistiu en facilitar a instalación ou ampliación de terrazas, así como a eliminación do cobro das taxas por ocupación de vía pública, tanto durante o ano 2020 como durante o presente ano.
Desde o Concello recordamos que ata o 8 de xullo seguirá aberta a convocatoria para solicitar a segunda liña de axudas que está dirixida a negocios en xeral e entidades do 3º sector que desenvolvan actividades económicas na vila.
Cada beneficiario/a poderá recibir ata un máximo de 300 euros en función da contía xustificada.
O rango de gastos subvencionables nesta convocatoria incluirían gastos en material de prevención da COVID, inversións necesarias para adaptar o negocio á pandemia, incluso gastos de arrendamento e de cotas de autónomos e Seguridade Social."
As solicitudes presentaranse ben de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello da Guarda, ben de forma telemática a través da sede electrónica www.aguarda.sedelectronica.gal
Máis información na páxina web do Concello de A Guarda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario