24 de maio de 2021

GOIÁN (TOMIÑO)

O AUDITORIO DA FORTALEZA DE GOIÁN ACOLLERÁ ESTE SÁBADO UN GRANDE EVENTO PARA PRESENTAR O PARQUE DA AMIZADE E A NOVA PONTE PEONIL QUE UNIRÁ TOMIÑO E VILA NOVA DE CERVEIRA  

· Asistirán autoridades estatais, autonómicas e locais de ambas as beiras e proxectarase un vídeo que inclúe unha simulación 3D do viaduto sobre o río  


O viaducto peonil unirá Goián (Tomiño) con Vila Nova de Cerveira
Foto: C.T.

Infogauda / Goián (Tomiño)

 O auditorio da Fortaleza de Goián, en Tomiño, acollerá este sábado un grande evento para a presentación institucional do Parque da Amizade e da nova ponte peonil que unirá Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Ao acto asistirán diferentes autoridades estatais, autonómicas e locais tanto españolas como portuguesas, ás que se lles dará a coñecer a singularidade do que será un dos primeiros centros de lecer transfronteirizos de Europa e o primeiro Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal como  un espazo verdadeiramente europeo sen fronteiras.  

 Ambos proxectos contan con financiamento europeo, con cargo á primeira convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) 2014-2020, e serán presentados polo deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, pola alcaldesa de Tomiño Sandra González, o presidente de câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, e polos representantes dos Burgos-Garrido e Bernabeu Enxeñeiros.   

 As autoridades da parte portuguesa chegarán ao auditorio da Fortaleza de Goián en barco dende a parte lusa para ás 12.15 horas comezar a presentación, na que se incluirá a proxección nunha pantalla de grandes dimensións dun vídeo ilustrativo dos obxectivos do parque. Na peza incluirase unha recreación 3D de como será a nova ponte peonil e ciclable que permitirá que o parque transfronteirizo sexa unha realidade.   

 Para o deputado Uxío Benítez Fernández o parque e a ponte constituirán un elemento dinamizador de crucial importancia material e simbólica nun territorio como é o transfronteirizo do rio Miño, dobremente impactado pola actual pandemia COVID-19, dado o seu carácter dependente dos fluxos socioeconómicos entre ambos países, que se teñen visto gravemente alterados polas restricións á mobilidade transfronteiriza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario