Conmemoración dos Sucesos de Sobredo, no seu 98 aniversario
Dada a situación de pandemia os actos redúcense a unha ofrenda floral, o sábado 28 de novembro, das 11:00 ás 12 hs.
IEAMSo / Sobredo (Guillarei)
O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) comunica:
Este sábado 28 de novembro cúmprense 98 anos dos sucesos acontecidos en Sobredo (Guillarei), que concentraron a centos de persoas no lugar para protestar polo embargo das súas propiedades a un veciño que se negaba a pagar os foros.
Eran momentos convulsos e dunha grande conciencia política que se exercía desde as múltiples asociacións agrarias. Sobredo é desde hai máis de noventa anos símbolo da unidade por defender o dereito a non pagar por traballar a terra, símbolo da importancia da solidariedade e do pobo para mudar o mundo.
Sobredo é, por outro lado, a mostra da represión máis terríbel que se pode exercer sobre o pobo, sobre a veciñanza que unida reclamaba os seus dereitos.
A morte de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, de Joaquín Besada, de Soutelo e de e Venancio González Romero, de Budiño, Mártires de Sobredo, é a imaxe máis dura desa represión.
Este ano a Covid-19 non permite celebrar o acto de conmemoración que anualmente se convoca; por tal motivo reducirase a unha ofrenda floral no monumento na que participará unha comisión do IEAMSo.
Como remataba o primeiro editorial da Revista Nós, publicada hai cen anos, desexamos nesta celebración,
SAÚDE E TERRA
Instituto de Estudios Agrarios Mártires de Sobredo
(IEAMSO) – 626 37 37 38
Ningún comentario:
Publicar un comentario