Goián homenaxea ás súas ‘Madriñas’
· Vén de editarse un catálogo para divulgar a vida e obra das mulleres que poñen nome ás aulas do centro Pintor Antonio Fernández
Exposición Mulleres de Aquí e Acolá
Infogauda / Goián
Reivindicar os valores que representan as mulleres exemplares para inspirar ás futuras xeracións no horizonte dunha sociedade máis libre, consciente, igualitaria e culta. É o propósito que desde o CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián tiveron desde que puxeron en marcha un proxecto de ‘amadriñamento’ das estancias do centro, bautizadas con nomes de mulleres destacadas pola súa traxectoria vital e profesional, moitas delas vencelladas á vila de Goián e á comarca do Baixo Miño.
A iniciativa comezou a realizarse no curso 2018-2019 e vén de culminar recentemente, coa edición e reparto dun catálogo entre o alumnado do centro —tamén entre o alumnado de 1º e 2º da ESO que participou no proxecto— co que se pretende divulgar a modo de homenaxe a vida e obra destas mulleres, que son xa un símbolo para inspirar ás máis novas e novos.
Isaura Gomes, escritora, activista agrarista, e loitadora incansable pola xustiza e a igualdade
Entre as galardoadas pódense atopar importantes personalidades da contorna:
- A pedagoga Antía Cal, educadora, defensora da cultura galega e fundadora do Centro Rosalía de Castro.
- A redeira e argaceira guardesa Mercedes Lomba, dedicada á vida mariñeira durante máis de 60 anos.
- A escritora e activista agrarista Isaura Gomes, loitadora incansable pola xustiza e a igualdade.
- As mestras goianesas Eva Ozores e Idalia Sobreira, polo valor do seu incalculable traballo educativo en moitas xeracións de Goián, personificando o traballo de moitas outras docentes.
- A médica e cirurxiá África González, pola súa destacada traxectoria laboral —Recentemente galardoada co Premio Executivas 2020 por este motivo—.
- A profesora e escritora Clementina ‘Tinita’ Ozores, destacada veciña da vila de Goián e viaxeira empedernida.
- A música e cantante Uxía “Lambona”, polo seu labor de transmisión aos máis novos e novas da lingua e a tradición galegas a través da música.
- A estudante e deportista Desirée Vila, exemplo de superación e inspiración tanto na súa traxectoria deportiva como vital.
- Á escritora e profesora Iria Misa, galardoada co premio Jules Verne pola súa obra Xa non estou aquí.
- Todas as “viúvas de vivos”, loitadoras incansables que non se renderon na procura dunha vida mellor.
Este cadro está adicado ás Mulleres Loitadoras
A idea partiu inicialmente do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro co gallo da conmemoración do 8 de Marzo, coa intención de destacar e poñer en valor a traxectoria vital as mulleres galegas, e máis concretamente aquelas vinculadas coa contorna da vila. Axiña se sumou toda a comunidade do centro, o que fixo que o proxecto non quedase limitado a un simple ‘bautismo’ das aulas, senón que serviu para estudar e recuperar a vida e obra das madriñas. “Os distintos grupos do alumnado implicáronse moitísimo e cada un foi elixindo quen ía ser a súa madriña. Investigaron moito sobre as súas vidas e entrevistaron ás que puideron”, comenta Mirta Misa, directora do centro.
Malia que o reparto do catálogo supón unha culminación ao traballo de ‘amadriñamento’ e estudo biográfico feito durante os últimos anos, desde a dirección do CEIP Pintor Antonio Fernández teñen claro que o proxecto ten que continuar dun xeito aínda máis amplo, sempre fomentando a inclusión e a igualdade, seguindo a liña de outros proxectos levados a cabo na institución como a entrega dos Premios pola Diversidade a distintos colectivos, entre outras moitas actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario