26 de nov. de 2020

GOIÁN (TOMIÑO)

‘Bernarda’, a catro veces galardoada nos premios María Casares, chegará este sábado a Goián 

A obra será posta en escea no Auditorio de Goián, o vindeiro 28 de novembro ás 20:30 horas 

 


Infogauda / Goián

 O vindeiro sábado 28 de novembro ás 20:30 horas no Auditorio de Goián, representarase a obra teatral ‘Bernarda’, unha exquisita peza que vén de recibir catro galardóns nos XXIV Premios de Teatro María Casares outorgados recentemente. A obra está encadrada dentro da programación do Concello de Tomiño para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.  

 “Bernarda” é unha historia próxima, comprensible e universal. Todas coñecemos a alguén como Bernarda e todos temos un pouco de Bernarda. O choque entre nais/pais e fillos/fillas é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos, vemos a realidade diferente. Cando somos fillos/as queremos romper coas normas que nos impoñen e cando nos convertemos en pais/nais vémonos na obriga de impoñer normas.  

 Este choque xeracional sucede na vida mesma e tamén en  “Bernarda”, por momentos fainos chorar, porque as situacións son tensas e duras, e outras veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa coma unha necesidade de desafogo e de liberación.   

 Bernarda é unha muller dura e loitadora que non entende nen de música, nen de minifaldas, nen de guateques, nen de ningunha das novas modas da mocidade da época e a súa intención é clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai a mudar nada e as cousas van facerse como teñen que facerse.” O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.  

 A función terá unha duración aproximada de 70 minutos, está dirixida a un público maior de 14 anos e o prezo da entrada será de 5 euros. As entradas poden ser reservadas a través do correo cultura@tomino.gal ou chamando ao número 986 62 20 01.

Ningún comentario:

Publicar un comentario