'Anónimas camposinas' homenaxea as mulleres da Guarda con motivo do 25N desde o Fondo Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe Camposancos xunto á artista Gemma Marqués, para ver os murais nos lavadoiros e na rúa
Infogauda / Camposancos
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe Camposancos para coñecer o proxecto Anónimas camposinas, promovido e desenvolto pola artista Gemma Marqués Redondo (Burgos, 1981), coautora - xunto con Lola Costas, que ocupouse dos textos en galego e castelán - do libro Anónimas. Retratos de musas cotiás (Autoedición. A Guarda, 2018), no marco das iniciativas do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia. Nel colabora tamén a Entidade Local Menor de Camposancos.
“Trátase dun dos proxectos máis singulares e significativos do Fondo Xacobeo 2021, que contribúe a poñer en valor a figura da muller camposina por medio de catro murais en lavadoiros que, á súa vez, homenaxea os oficios tradicionais femininos desta terra e pon en valor a lingua galega”, explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que visitou o traballo xa finalizado no lavadoiro de Salgueiró, acompañado pola artista.
Na imaxe, un dos murais do proxecto, ubicado na fonte-lavadoiro de Salgueiró
O proxecto Anónimas camposinas. Pintura mural feminista, está promovido e deseñado pola pintora Gemma Marqués. Intégrano catro murais exteriores inspirados nos oficios tradicionais das mulleres rurais de Camposancos (A Guarda), que se enmarcan, á súa vez, no seu proxecto feminista Anónimas. Retratos de musas cotiás, reivindicativo das mulleres anónimas, nais, avoas, fillas, traballadoras e loitadoras cuxo labor e esforzo diario non é abondo recoñecido. A iniciativa poderase ver, xa finalizada, nas vindeiras semanas, en catro lavadoiros do lugar.
Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021
O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario