20 de set. de 2019

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra destina 220.000 euros a 43 concellos da provincia para que fomenten a igualdade e a prevención das violencias machistas  

Trátase da cuarta convocatoria desta liña de axudas para impulsar e realizar actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para este ano 2019. Trátase da cuarta convocatoria desta liña de axudas a través da cal a institución provincial achegará 220.000 euros a 43 concellos da provincia.  

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva Rego, explicou que o obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas. 

 A presidenta provincial tamén lembrou que recentemente, no mes de agosto, aprobáronse as subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade e loita contra a violencia de xénero. "A Deputación de Pontevedra destina recursos para os concellos e para os colectivos para loitar contra os asasinatos de mulleres. Mentres en Andalucía, o Partido Popular e Ciudadanos, da man de Vox, están a retirar subvencións aos colectivos que traballan pola violencia de xénero".  

 En canto a liña de subvencións aprobadas na Xunta de goberno, estas axudas permitirán subvencionar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; iniciativas das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista; ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero (fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo). Tamén programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; e accións encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade. Amais, a través destas subvencións os concellos tamén poderán poñer en marcha a creación de redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e profesional; actividades dirixidas ao alumnado, profesorado e familiar e profesional; e campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario