A XUNTA DE GALICIA IMPULSA CON PRETO DE 115.700€ O TRABALLO DAS ASOCIACIÓNS E FEDERACIÓNS DE COMERCIANTES DO BAIXO MIÑO A PROL DA COMPETITIVIDADE DO SECTOR
· O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de conceder apoios a 3 centros comerciais abertos, 1 asociación de prazas de abastos e 1 federación
· Os apoios, que poden chegar aos 49.000 euros, permiten atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos aos consumidores a través de proxectos de dinamización, fidelización de clientes ou sinalización
· Como novidade, os centros comerciais abertos acceden a axudas para a comercialización en liña de produtos dos comercios asociados
José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra
Infogauda / O Baixo Miño
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe a concesión de axudas, por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de preto de 115.700 euros para o impulso da competitividade do comercio do Baixo Miño.
Tal e como explicou Cores Tourís, a Xunta ven de conceder axudas por preto de 2,4 millóns de euros co obxectivo de reforzar o papel destas asociacións na dinamización do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.
No caso da comarca do Baixo Miño, veranse beneficiados 1 asociación de prazas de abastos (Asociación de Comerciantes y Autónomos do Mercado de Tomiño), 3 centros comerciais (A Guarda, Tui e Tomiño), así como o a Federación de Asociacións de Comerciantes e Empresarios Industriales Fesurga de Tui. Na provincia beneficiáronse 5 federacións de comercio, 17 asociacións de prazas de abastos e 24 centros comerciais abertos. En total, a Consellería de Economía destinou a Pontevedra 1,05 millóns de euros a través destas subvencións.
Por unha banda, tal e como matizou o delegado territorial, concédense apoios aos centros comerciais abertos para proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros. “Como novidade, entre as actuacións apoiadas inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital”, engadiu Cores Tourís. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados.
Esta liña tamén se dirixe a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. As axudas poden chegar a un máximo de 9.800 euros.
A través da liña dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario