24 de set. de 2019

CULTURA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTA O LIBRO ‘A CONVERSA EXPANSIVA’ 

CON POEMAS DA SÉTIMA EDICIÓN DO OBRADOIRO DE TRADUCIÓN POÉTICA DE SAN SIMÓN  

O acto será este mércores ás 20:00 horas no Arquivo provincial da man de Xosé Mª Álvarez Caccamo e Yolanda Castaño 

Na imaxe, os participantes da VII Edición do Obradoiro de Tradución Poética (de esquerda a dereita):  Miren Agur Meabe, Xosé María Álvarez Cáccamo, Abdul Hadi Sadoun, Rosa Alice Branco, Timo Berger e Subhro Bandopadhyay, no peirao da illa de San Simón
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra presentará este mércores 25 de setembro o libro ‘A conversa expansiva’, unha compilación dos poemas da sétima edición do Obradoiro de Tradución Poética de San Simón que foi editado polo Servizo de Publicacións provincial na colección Cíes. O acto, que se desenvolverá no Arquivo provincial a partires das 8 da tarde, contará coa presenzada deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega, a coordinadora dos obradoiros ‘Con barqueira e remador’ Yolanda Castaño, e o coordinador do exemplar Xosé Mª Álvarez Cáccamo, e incluirá un breve recital poético e unha actuación musical a cargo do grupo Oradaladou. 

 ‘A conversa expansiva’ permite un achegamento directo á produción de autores cunha ampla significación nos seus países de orixe: o iraquí Abdul Hadi Sadoun, a portuguesa Rosa Alice Branco, a vasca Miren Agur Meabe, o indio Subhro Bandopadhyay, o alemán Timo Berger, e o galego Xosé Mª Álvarez Caccamo, encargado de traducir ao galego a selección textual dos cinco restantes. 

 No volumen recóllese unha grande diversidade no tocante a xeracións, xénero, estilo e rexistros. En concreto, reúnense 36 poemas escollidos do traballo froito da VII Edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética que tivo lugar na Illa de San Simón do 1 ao 6 de outubro do 2018 nas súas linguas orixinais e nas versión galegas das mesmas.  

 Comparten espazo na publicación, así pois, idiomas cun número de falantes tanto superior ao galego (caso do bengalí, o árabe, o alemán ou o portugués) coma inferior (caso do éuscaro), mais todas cunha notable tradición literaria de plena e puxante riqueza, nunha mostra de convivencia entre linguas, dende a diferenza pero sempre a prol do vizoso intercambio e da comunicación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario