Día Mundial da Limpeza
As praias fluviais de Camposancos participarán nese evento de limpeza de residuos
O sábado 21 de setembro, ás 10:30 horas, desde O Puntal
Infogauda / Camposancos
O sábado 21 de setembro, Día Mundial da Limpeza, porase en marcha unha actividade medioambiental de recollida de residuos dende O Puntal, na praia do Forte (Camposancos), ata O Codesal.
Desde o executivo municipal do Concello de A Guarda indican que "a promotora desta actividade é a delegación do Porriño de Smurfit Kappa, empresa do sector de embalaxes reciclables, renovables e 100% biodegradables. Esta empresa a nivel nacional puxo en marcha a iniciativa Better Planet Packing que busca reducir os residuos que xeran os embalaxes non biodegradables e abordar os desafíos do lixo que termina nos océanos e vertedoiros en todo o mundo.
Unha acción incluída nesta iniciativa é a celebración do Día Mundial de Limpeza, e a delegación de Porriño escolleu as praias naturais da desembocadura do Miño para realizar esta campaña de concienciación entre veciños dos concellos da comarca do Baixo Miño e área de metropolitana de Vigo.
A partir das 10:30 horas do sábado os 200 participantes percorrerán en dous grupos os tres últimos quilómetros da desembocadura do Miño recollendo os residuos e posteriormente os depositarán nos colectores correspondentes para o seu tratamento e reciclaxe. Os participantes están convidados a visitar as instalacións da delegación de Smurfit Kappa O Porriño".
Esta xornada conta coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente do Concello de A Guarda e efectivos de Protección Civil do Rosal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario