Areeiro marca a primeira semana de setembro como posible data de inicio da vendima
O persoal da Estación Fitopatolóxica informa de que o inicio do pintado xa domina practicamente todas as viñas, e é pleno nas zonas máis cálidas e expostas
Viñedo
Foto: EFA
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un novo aviso fitosanitario no que informa dun avance significativo na evolución da fenoloxía das viñas: en todas domina o inicio do pintado e, nas zonas máis cálidas e expostas, hai xa pleno pintado. Do mesmo xeito, a EFA tamén sinala que xa comeza a haber algunhas datas previstas para o inicio da vendima: a primeira semana de setembro as máis precoces e na terceira semana do mes as máis tardías. De todos os xeitos, o persoal do centro avisa de que a meteoroloxía irregular desta temporada fai que as predicións sexan difíciles e que poidan variar atendendo á súa evolución.
En canto ás principais enfermidades da viña, cómpre lembrar que co inicio do pintado as incidencias directas por mildio serán baixas ou mesmo nulas, se ben nas viñas novas e con pouco desenvolvemento da vexetación hai que manter a alerta e comprobar a evolución dos síntomas. As chuvias anunciadas para esta fin de semana pararán ao inicio da nova semana, polo que cunha densidade elevada de manchas haberá que levar a cabo tratamento cúpricos (sempre e cando non estean fóra da data de última aplicación que establece cada adega). Ademais, o persoal de Areeiro lembra que as precipitacións destes días lavaron os funxicidas de contacto, reducindo o período de cobertura teórica dos penetrantes que os acompañasen.
En canto ao oídio, co pintado tamén se reduce a sensibilidade ao patóxeno, ao que se suma o carácter forte das precipitacións como circunstancia non favorable ao fundo. Nas viñas máis afectadas os síntomas apenas avanzaron, e se o fixeron foi nas que aínda non se xeneralizou o pintado. Polo tanto, desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomendan non realizar intervencións contra o oídio, pero sen descoidar a eliminación dos gromos sobrantes que dificulten a ventilación e iluminación das uvas. Puntualmente (considerando que as axencias meteorolóxicas non anuncian choiva desde o luns) podería aplicarse un tratamento con xofre nas plantas novas potencialmente moi afectadas, e tamén naquelas viñas onde houbera ataques mal controlados do fungo ao longo da campaña.
As circunstancias si foron favorables á botrite (choivas persistentes e temperaturas elevadas), e o persoal observou mesmo antes do comezo das choivas algún indicio nalgún acio. As precipitacións provocarán rachos nalgunhas uvas de pel fina. Recoméndase aplicar un último tratamento con funxicidas de prazo de seguridade reducido, para protexer a uva. Poderanse usar os de 21, 14 ou 7 días segundo as datas que barallen para o comezo da vendima. Ademais, segue a ser imprescindible manter unha correcta ventilación dos acios mediante esfollados para evitar a acumulación de humidade (moderados, retirando sobre todo as follas basais que xa non teñen funcionalidade), e tamén retirando os brotes sobrantes para favorecer a ventilación no conxunto da viña.
No que se corresponde co Black rot, non se observou evolución, ao igual que apenas houbo capturas de couzas do acio. No caso de superar o limiar de tolerancia dos tratamentos, pódense aplicar algúns insecticidas se teñen prazos de seguridade reducidos (inferiores aos 14 días) ou mesmo non os teñen por ser produtos naturais. A evolución das penetracións débese facer ata o momento da vendima porque inflúen na aparición de podre. No que ten que ver co mosquito verde e cicadélidos, as capturas da semana aumentaron respecto á anterior, pero seguen a estar en números moi inferiores ao limiar de seguimento (250 adultos por trampa e semana). No caso dos ácaros, houbo ataques moi puntuais de acarose e outros de erinose de verán sen efectos na produción.
Ademais, como é habitual, desde Areeiro recomendan esfollas moderadas e nunca intensas, xa que as uvas necesitan seguir desenvolvéndose ata a colleita e non poden facer sen follar ao seu arredor. Como consecuencia, nas viñas onde se fixeron esfollas intensas, expoñendo os acios ao Sol, algúns grans seguen a estar escuros e tostados: os grans engúrranse e supoñen unha perda de produción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario