2 de abr. de 2019

COOPERACIÓN

Antonio Lomba Baz nomeado representante titular do Consello Consultivo da AECT Río Miño
   

Antonio Lomba Baz - a esq. de imaxe - nunha reunión da AECT Río Miño
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A pasada semana, a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, foi designado coma representante titular do consello consultivo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño), un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, que ten por obxectivo lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do Río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués. 

  Compre lembrar que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) constituíuse en Valença do Minho o 24 de febreiro de 2018 para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo.

 O ámeto de actuación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) está configurado polo Val transfronteirizo do Miño, cunha superficie de 3.312 km2, e unha poboación de 376.000 habitantes, sendo a fronteira ibérica máis poboada e a máis transitada, concentrando o 47% do tránsito medio de vehículos entre España e Portugal.

CONSTITUCIÓN DO CONSELLO CONSULTIVO

 A constitución formal deste consello consultivo realizarase o vindeiro xoves día 4 de abril na Escola Superior de Ciências Empresariais, en Valença do Minho, onde se presentará a Estratexia do Río Miño Transfronteirizo 2030, contando neste ocasión coa presenza da socialista Maria do Céu de Oliveira Antunes Albuquerque, secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional, en representación do Ministro do Planeamento de Portugal, Nelson de Souza.  

 A Estratexia 2030 é o principal produto do proxecto Smart Minho, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (POCTEP 2014-2020), en concreto no seu eixe 4, destinado á mellora da capacidade institucional e eficiencia da Administración pública a tráves da cooperación transfronteiriza. Promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra, a Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), durante a implantación do proxecto constituíuse, a comezos de 2018, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho, que pasou a participar tamén nel. Para este organismo, a Estratexia 2030 actúa de axenda de acción para os próximos anos.   

 O territorio de intervención da AECT Río Miño abrangue 10 concellos que forman parte da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), en Portugal, e 16 concellos que integran a Deputación de Pontevedra. O seu obxectivo é contribuir ao desenvolvemento e reforzar a cohesión económica e social do territorio, articulando o espazo común e promovendo as relacións de cooperación territorial, aumentando a cohesión institucional do espazo de intervención, promovendo o patrimonio cultural e natural transfronteirizo. Para elo se promove o territorio da AECT Río Miño no exterior, pondo en valor as potencialidades dos recursos endóxenos, creando e consolidando a marca turística transfronteiriza Río Miño e outras marcas no ámbito nacional e internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario