20 de set. de 2018

A GUARDA

Últimos días de inscrición para o proxecto de turismo sustentable «Protura» na Guarda  


Infogauda / A Guarda

 A Guarda acolle a partires de outubro un curso sobre turismo sustentable adicado aos profesionais do sector turístico, con formación mixta, a distancia e presencial. O prazo de inscricións aínda aberto e quedan prazas libres para novas inscricións.  

 Información e inscricións no 886 210 725 ou protura@depo.gal  

 Obxectivos 

 O obxectivo xeral do proxecto é mellorar o coñecemento entre os profesionais do sector turístico (empresariado e persoal) do que significa turismo sustentable, achegando estratexias e ferramentas para mellorar a sustentabilidade dun destino ou empresa turística, analizando as diferentes acreditacións dispoñibles e dando exemplos de boas prácticas.  

 Resumo do proxecto 

 O proxecto está destinado a aquelas empresarias e empresarios turísticos do contorno da Rede Natura interesados en mellorar o seu desempeño en sustentabilidade e en acceder a este interesante nicho de mercado. Resultará de utilidade para o persoal que oriente o seu traballo cara a este segmento da industria turística.  

 O proxecto pretende informar, formar e asesorar sobre os principios do turismo sustentable para que poidan traducirse en prácticas de xestión. Estes principios teñen como propósito minimizar os impactos negativos e maximizar os beneficios da actividade turística no ámbito sociocultural, ambiental e empresarial. O proxecto consta de cursos de formación a distancia e mixta, e dun asesoramento mixto.  

 Impartiranse 8 tipos de accións, presenciais e en liña, cos seguintes contidos:  

Turismo rural sustentable 

 Capacitar as empresarias e empresarios e o persoal do sector turístico en relación ás técnicas de xestión nas que se basean os principios do turismo sustentable. Das 6 accións formativas recollidas neste punto, 2 correspóndense coa modalidade a distancia a través dunha plataforma de teleformación e as 4 restantes con formación mixta, combinando a teleformación coa modalidade presencial. 

Temática: 
1.Concepto de sustentabilidade 
2.Impactos do turismo. Turismo e medio ambiente 
3.A sustentabilidade no sector turístico 
4.A xestión de empresas turísticas. Claves e características do turismo sustentable 
5.Axudas e subvencións. Acreditacións. Aspectos legais 6.Características socioeconómicas das zonas obxectivo (formación a distancia) 
7.Potencial endóxeno dos recursos das zonas obxectivo e identificación dos produtos máis relevantes desas zonas (formación a distancia) 
8.Exemplos de boas prácticas de sustentabilidade 

Asesorías de turismo sustentable 

 Son accións específicas de apoio ao persoal encamiñadas a mellorar a súa situación no mercado de traballo en temas ambientais. Os asesoramentos compóñense de 2 tipos de accións e lévanse a cabo de forma individual e personalizada, cunha parte presencial e outra a distancia (xa sexa vía telefónica ou vía correo-e), nas que a cada persoa asesorada se lle abre un expediente onde figuran os seus datos persoais, o problema ou cuestión exposta e un plan de actuación que recolle a solución achegada. 

 Contido das asesorías: 
1.Características socioeconómicas da zona 
2.Valorización do potencial endóxeno dos recursos da zona 3.Identificación dos produtos máis relevantes da zona 4.Lexislación actual vixente, axudas e subvencións dispoñibles 
5.Xestión das empresas turísticas  

Ningún comentario:

Publicar un comentario