3 de feb. de 2018

TOMIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INICIA A CONTRATACIÓN DAS OBRAS DA NOVA AVENIDA QUE RODEARÁ O SEIXO EN TOMIÑO POR MÁIS DE 3.500.000 EUROS   

A estrada de nova creación permitirá retirar do centro da vila entre 5.000 e 10.000 vehículos diarios e servirá de enlace coa Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda

A nova avenida de Tomiño, denominada oficialmente ‘Mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo’, está incluída na Estratexia de Mobilidade 3.0
Infografía: D.P.

Infogauda / Tomiño

 A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o proceso de contratación das obras da nova avenida que rodeará o núcleo urbano de Tomiño, unha das actuacións de maior relevancia da institución provincial en materia de infraestruturas neste mandato, que se executará en colaboración coa Xunta de Galicia e co Concello de Tomiño. En breve a institución provincial abrirá o prazo de presentación de ofertas para as empresas construtoras que, segundo o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, “serán bastantes, dada a contía da actuación, 3.545.623,60 euros”.  

 A licitación dos traballos por parte da Deputación, explica Benítez, é posible dado que a Xunta acaba de aprobar en Consello definitivamente o proxecto de trazado da estrada e concedido ovisto bo definitivo ao expediente de información pública e urxente ocupación dos terreos expropiados tras resolver 26 alegacións. “O departamento de Mobilidade e de Contratación da Deputación están a dar os pasos necesarios para contratar as obras de xeito áxil. Agardamos adxudicar e iniciar a obra neste ano se todos os trámites saen segundo o previsto”, afirmou o nacionalista. 

 O convenio para facer a tres bandas a obra (Deputación, Xunta e Concello) asinouse o pasado 4 de agosto co obxecto de mellorar a conexión entre a estrada provincial EP-3102 (Tomiño-Sabarís) e a estrada autonómica PO-344 mediante unha nova estrada con tipoloxía de avenida que exercerá de variante ou rolda e que permitirá a mellora da mobilidade peonilno núcleo urbano.   

 A intención é derivar o tráfico que nestes momentos pasa polo núcleo da vila cara ao exterior (entre 5.000 e 10.000 coches ao día), proporcionando unha mellora substancial da calidade urbana e da seguridade viaria. Por outra banda, e dado que a Xunta de Galicia ten aprobado o proxecto da vía de alta capacidade (VAC) Tui-A Guarda que contempla un acceso ao núcleo de Tomiño, este enlace realizarase a través da nova avenida a cambio da implicación do goberno autonómico no financiamento das expropiacións dos terreos necesarios. O Concello pola súa parte farase cargo da transferencia dun treito de aproximadamente un quilómetro da antiga estrada autonómica.   

 En canto ao orzamento, a execución desta actuacións estímase en 3.545.623,60, que se repartirán en 2.351.163,26 euros investidos pola Deputación provincial, 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de contratos de servizo e expropiacións, a repartir en diferentes anualidades. 

 A estrada enlazará polo sur a EP-3102 e polo Norte a PO-344 (Rúa Gondomar), proporcionando unha saídanatural á rúa da República Arxentina, e da rúa da Pedra cara o leste do núcleo, así como engarzando coa futura VAC sen necesidade de atravesar o centro urbano.A traza conecta ademais os principais centros equipamentais sitos naestrada provincial (CEP Pedro Caselles), cos novos equipamentos como o Centro de Saúde, a Residencia Asistida, e mesmo o IES de Tomiño, sitos inmediatos á avenida da República Arxentina.  

 A nova avenida de Tomiño, denominada oficialmente ‘Mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo’, está incluída na Estratexia de Mobilidade 3.0 que aposta por fomentar infraestruturas viarias ‘amables’ garantindo a seguranza viaria, a accesibilidade, e a sustentabilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario