12 de feb. de 2018

PONTEVEDRA

Digna Rivas da conta das prazas subvencionadas para os programas socias da Deputación ante os traballadores e traballadoras sociais dos concellos 

Neste 2018, a Deputación de Pontevedra ofertará máis de 1.100 prazas gratuítas para participar nos programas "Depo Aventura", "Depotermal" e "En Ruta coa Depo"

A deputada Digna Rivas, presidiu este luns 12 de febreiro no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra unha reunión informativa cos traballadores e traballadoras sociais dos concellos da provincia
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, presidiu este luns 12 de febreiro no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra unha reunión informativa cos traballadores e traballadoras sociais dos concellos da provincia. Con este encontro, a institución provincial tiña por obxectivo dar conta das prazas subvencionadas no seus programas de Cohesión Social e Xuventude que, en total e para este 2018, son 1.134 prazas gratuítas. Concretamente, 300 para "DepoAventura",434 para "Depotermal" e 400 para "En Ruta coa Depo".  

 Durante a súa intervención, Digna Rivas subliñou que "ningún destes programas tiña prazas gratuítas ata que chegamos ao goberno. Nós consideramos moi importante telas para poder garantir a igualdade de oportunidades entre as persoas da nosa provincia".  

 Máis polo miúdo, en canto a "Depo Aventura", a deputada provincial explicou que "para este programa ofertaremos 2.200 prazas, das cales haberá 300 gratuítas". En concreto, 260 serán para menores en situación ou risco de exclusión social, 25 para menores do Centro Príncipe Felipe e 15 para menores en situación de tutela ou garda administrativa doutros centros da provincia. A través de "Depo Aventura" a Deputación de Pontevedra ofrece a posibilidade de que mozas e mozos empreguen as súas vacacións de verán participando en actividades lúdicas, culturais, deportivas e formativas que contribúan ó seu enriquecemento persoal e ó coñecemento doutros lugares fóra da súa contorna.  

 Pola súa banda, para "Depotermal", a Deputación de Pontevedra, tal e como informou Digna Rivas, porá a disposición dos concellos adheridos 4 prazas por concello para a modalidade de asistencia diaria e 3 para a modalidade con pernoita. Digna Rivas recordou que "Depotermal" ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. 

 Por último, para o programa "En Ruta coa Depo" a Deputación de Pontevedra financiará 400 prazas das 20.000 que se ofertan de cara a este 2018. Digna Rivas detallou que para acceder ás prazas subvencionadas "a traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios ou da propia entidade solicitante deberá cubrir o modelo de valoración social facilitada dende a Deputación".  A deputada provincial recordou tamén que "En ruta coa Depo" está dirixido a entidades sociais da provincia de Pontevedra que poderán solicitar, por orde de preferencia, tres rutas das 32 propostas, sinalando o mes e o día da semana preferidos para a súa realización.  

 Amais, Digna Rivas aproveitou a reunión para informar sobre as subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para actuacións no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da mocidade, que contan cun orzamento de 499.000 euros; o plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, cunha contía prevista de 2.305,133,33 euros; as axudas básicas de emerxencia, cun orzamento de 465.000 euros; as clases de español para poboación inmigrante para a preparación do DELE A2, e o servizo de teleasistencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario