Os visitantes das Illas Cíes deberán contar a partir desta Semana Santa coa autorización da central de reservas no momento de mercar o billete á navieira
As navieiras poderán vender as súas pasaxes para o transporte ata as illas, pero para acceder ao arquipélago o visitante deberá contar coa autorización emitida pola Xunta de Galicia, que é persoal e intransferible, e está dotada de códigos de control QR, dun número de autorización e dos seus datos de identificación
A próxima semana celebrarase o sorteo para adxudicar as distintas franxas horarias nas que poderá operar este ano cada unha das sete navieiras autorizadas
A operadora terá a obriga de comprobar a existencia desta autorización antes de emitir o billete e non poderá transportar a Cíes pasaxeiros que carezan da mesma
Para acceder ás illas será obrigatoria a obtención dunha autorización a través da páxina web, accesible tamén desde dispositivos móbiles
Foto: Infogauda
Infogauda / Galicia
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio implantará esta Semana Santa un novo modelo de acceso ás Illas Cíes baseado na emisión dunha autorización personalizada para cada visitante. Así, deberá ser o propio usuario quen solicite permiso para acceder ao arquipélago a través da central de reservas habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), seguindo o modelo instaurado xa na Praia das Catedrais, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio hai uns meses no Parlamento.
Para acceder ás illas será obrigatoria a obtención dunha autorización a través da páxina web, accesible tamén desde dispositivos móbiles, polo que as empresas que se encargan do transporte marítimo ás illas só poderán emitir billetes a aqueles pasaxeiros que dispoñan da preceptiva autorización de acceso para ese día concreto.
Os visitantes poderán reservar ata 25 prazas por solicitude. Para cada visitante, será necesario rexistrar nome, apelidos, documento de identificación, sexo e ano de nacemento. As autorizacións enviaranse por correo electrónico ao solicitante ou poderán descargarse desde a propia páxina web.
Unha vez que o visitante dispoña xa da súa autorización, de carácter persoal e intransferible e dotada de códigos de control QR, número de autorización e nome e apelidos, poderá elixir a navieira coa que quere desprazarse ata as Cíes. Ao desembarcar nas illas deberá presentar no propio peirao a súa autorización personalizada e emitida pola Xunta, tendo en conta que este é o único documento válido para poder acceder ao arquipélago.
As novidades e melloras introducidas pola Consellería de Medio Ambiente no sistema de acceso ao Parque Nacional das Illas Atlánticas pretenden evitar a posible sobre venda de billetes por parte das empresas de transporte que viaxan ao arquipélago. Con este obxectivo, en Semana Santa estrearase un modelo de emisión de autorizacións para acceder ás Cíes moi similar ao que opera na Praia das Catedrais desde o ano 2015.
Este ano, as navieiras que levarán a cabo as travesías ás Illas Cíes de xeito regular en Semana Santa e durante os meses de verán son sete, todas elas empresas autorizadas pola Dirección Xeral de Mobilidade e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, responsable do control dos accesos ao espazo natural.
Por razóns de conservación, ordenación do uso público e seguridade limitarase o número de frecuencias de desembarco de navieiras, reducindo de xeito importante as frecuencias, sen reducir o número de visitantes totais, que será de 2.000 en liña regular. Esta autorización estará vixente durante os seguintes períodos de 2018: Semana Santa (é dicir, do 23 de marzo ao 1 de abril), os últimos tres días do mes de abril e os festivos de maio, no período de verán (de xuño a setembro) e as fins de semana e festivos de outubro.
Nos próximos días, as navieiras recibirán no seu domicilio social as autorizacións para levar a cabo o desembarco de pasaxeiros, as obrigas que teñen co espazo protexido e a data concreta do sorteo, que se celebrará a vindeira semana nas oficinas do Parque Nacional e no que a cada empresa se lle asignarán uns horarios mínimos nas distintas franxas horarias de mañá e de tarde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario