5 de feb. de 2018

CULTURA

Os Bolechas viven o Entroido cos escolares galegos   

• A popular familia presenta unha nova web adicada ao Entroido na que o profesorado poderá contar como está a traballar estas festas na súa clase e participar nun sorteo diario con numerosos premios para a aula e para cada alumna e alumno 

• Ademais o novo sitio web inclúe contido teórico, xogos e actividades, vídeos e descarga de material para coñecer todo sobre o Entroido galego 


Infogauda / Galicia

 Como vén sendo habitual nos últimos anos, Os Bolechas veñen de pór en marcha unha nova iniciativa relacionada co Entroido, unha das datas máis divertidas e con maior tradición na nosa comunidade. Trátase dunha páxina web á que se pode acceder na dirección osbolechas.gal/Entroido na que se inclúe diverso material para divertirse aprendendo todo sobre o Entroido.  

 Dirixido á cativada de educación infantil e primaria, o novo espazo web inclúe unha Unidade Didáctica sobre o carnaval galego: as súas diferentes manifestacións, máscaras, tradicións… Ademais está accesible na propia web ou pode descargarse en formato pdf no apartado “Descargas” e traballalo na aula ou na casa durante estas pequenas vacacións de Entroido, ao igual que o Caderno de Actividades, onde nenas e nenos poderán poñer a proba os seus coñecementos mediante divertidos xogos e actividades.   

 Ademais da Unidade Didáctica e o Caderno de Actividades, no apartado “Descargas” inclúense recortables relacionados co carnaval para que cada nena ou neno personalice o seu disfrace ao tempo que promove a súa creatividade e o traballo manual. E mesmo pode atopar fichas con receitas de pratos típicos do Entroido galego para coñecer todos os aspectos relacionados con estas festas.  

 Outro dos apartados da nova web dos Bolechas é “BraulioTuber”, onde se pode acceder aos vídeos realizados por Braulio en diferentes colexios galegos explicando como viven estas festas, as tradicións de cada zona etc. 

 Concurso escolar con moitos premios 

 E para seguir coñecendo o Entroido galego, este ano os Bolechas propoñen unha iniciativa dirixida aos centros escolares. Cada mestra ou mestre debe contar brevemente o que fixo este ano na súa clase en relación ao Entroido. Tan só hai que ir ao apartado “Participa” do web e contar o traballo realizado na aula (proxectos, murais, traballos en grupo, actuacións, talleres, temática elixida para o disfrace etc.) explicando brevemente o obxectivo e a execución do traballo e achegar unha foto representativa do proxecto. 

 Entre todos os proxectos que se presenten cada día farase un sorteo e os dous que saian dese sorteo publicaranse na web e recibirán unha chea de premios, tanto para a clase como para cada alumna e alumno.  

 Deste xeito, Os Bolechas queren manter aberta e activa esa canle directa co mundo escolar e mostrar o importante labor de quen está formando as futuras galegas e galegos.   

 Os Bolechas para aprender e divertirse  

 Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 da man de Pepe Carreiro, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 550 títulos publicados e máis de 1.700.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Este seguimento masivo e continuo durante máis de 17 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario