2 de feb. de 2018

A GUARDA

Ante a prealerta por seca

O Concello lembra a necesidade de facer un uso responsable da auga 

Augas de Galicia activou a mediados do pasado mes a situación de prealerta hidrolóxica por posibilidade de seca en toda Demarcación Galicia Costa. 

A Guarda contará cun novo pozo para o autoabastecemento, cun caudal de preto de 350 metros cúbicos diarios.  


Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda manterá as medidas de aforro e o fomento do uso responsable da auga ante a situación de prealerta hidrolóxica anunciada pola Consellería de  Medio Ambiente e Ordenación Territorial, a través de Augas de Galicia, o pasado 15 de xaneiro.  

 Esta nova situación afecta a varios sistemas de explotación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa no que se inclúe o municipio guardés, unha vez desactivado o estado previo de alerta hidrolóxica. Porén, segundo informan dende a Xunta, a atípica situación meteorolóxica dos últimos meses fai necesario un esforzo conxunto co fin de alcanzar a total recuperación da normalidade hidrolóxica. 

 Requírese aos veciños e veciñas da Guarda, nesta liña, que manteñan as medidas de aforro nos fogares minimizando o consumo de auga, especialmente nos usos non imprescindibles.  

 Cara o autoabastecemento 

 O Concello demandou de Tui durante o peor período da seca -entre os meses de setembro e decembro de 2017- preto de 200 metros cúbicos diarios de auga para a subministración municipal, sobre un consumo diario total de preto de 1.900 metros cúbicos.  

 Na mesma época, buscáronse solucións ante posibles crises hídricas no futuro, polo que o Concello realizou unha captación de augas subterráneas na zona de Casás cun caudal de 350 metros cúbicos por día. Iso significará, unha vez o pozo estea en funcionamento, que A Guarda poderá autoabastecerse incluso nos períodos de seca máis acusados.  

 A falta de conectar o novo pozo ao depósito regulador do Monte Torroso, o Concello da Guarda solicitará a colaboración de Augas de Galicia para completar o proceso e poñer en marcha a nova subministración hídrica. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario