1 de feb. de 2018

A GUARDA

A costa baixomiñota e a súas peculiaridades 

Serán as protagonistas da «barferencia» deste venres   



Infogauda / A Guarda

 Este venres 2 de febreiro celebrarase a cuarta das charlas do ciclo de «Barferencias» 2017/2018,a cargo da catedrática de Xeoloxía na Universidade de Vigo Soledad García Gil, a partir das 20:30 horas no bar Cramoeiro.   

 O faladoiro, titulado «A rasa costeira no Baixo Miño», versará sobre os principais condicionantes xeolóxicos (tipos de rocha e fallas) e os procesos mariños que controlan a morfoloxía da costa galega, para explicar os factores que dan orixe á formación dunha rasa costeira. Tratarase con especial atención a rasa do Baixo Miño, onde as variacións do nivel do mar durante os últimos períodos glaciares-interglaciares xogarían un papel fundamental na orixe das diferentes superficies de erosión presentes nesta costa. 

 Sobre a relatora 

 Soledad García Gil estudou Xeoloxía na Universidade Complutense de Madrid e doutorouse na mesma institución, sendo premio extraordinario de doutoramento. A súa traxectoria continuou no Imperial College of London, onde se especializou en xeofísica mariña (estratigrafía sísmica) e na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, onde é Catedrática de Estratigrafía dende 2009.   

 Dende a súa incorporación á Universidade de Vigo as súas investigación centráronse no recheo sedimentario das rías galegas en relación con cambios do nivel do mar e os cambios climáticos, inicialmente na Ría de Vigo, entendéndose nos últimos anos ó resto de rías e á plataforma galega. Durante a realización destes traballos foi investigadora responsable de diversos proxectos onde un dos logros principais foi a identificación de metano nos sedimentos destas rías.  

 Próxima «barferencia»


 O ciclo de «Barferencias» rematará  o vindeiro 2 de marzo coa charla «De roteiro polas costas da lamprea», da man do profesor da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo e membro da Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM), Manuel Ángel Pombal Diego. A cita será, nesta ocasión, na Casa-Bar Aquilino, no Paseo de Portugal, 121 (A Pasaxe-Camposancos) a partir das 20:30 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario