12 de dec. de 2017

CULTURA

Os Bolechas presentan “Un conto de Nadal”     

• Un ano máis Os Bolechas percorrerán Galicia durante as vacacións de Nadal en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, Gadis e a TVG  

• A xira comezará o 22 de decembro e rematará o 7 de xaneiro tras pasar por oito localidades da Rede de Dinamización Lingüística    

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, acompañado polo responsable de Bolanda Edicións, Antonio Couto; Rosa Vilas da Televisión de Galicia e o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray, e un grupo de escolares e súas profesoras

Infogauda / Santiago de Compostela

 Como vén sendo habitual Os Bolechas estarán coa cativada galega este Nadal grazas a un novo espectáculo deseñado para a ocasión que percorrerá Galicia grazas á colaboración da TVG, Gadis e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en cuxa sede se presentou hoxe a nova xira. “Un conto de Nadal” levará a maxia destas datas da man dos personaxes favoritos dos máis novos a oito localidades da Rede de Dinamización Lingüística entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro.  

 “Un conto de Nadal” é unha peza teatral con actores e os muppets da Televisión de Galicia. A historia xira en torno a unha broma que lle fan Kofi e Sarela aos Bolechas sobre a desaparición dun camelo que porá en perigo a noite de Reis, a máis máxica do ano para a cativada. Braulio decide crear unha máquina que recupere o camelo pero algo sae mal e os que van aparecendo son Papá Noel, o Apalpador e moitos outros personaxes ligados ás festas do Nadal que farán as delicias do público.  


 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, definiu a proposta dos Bolechas como “unha cita consolidada nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística a proposta de Nadal dos Bolechas, referentes galegofalantes da xente miúda que queren animar sempre a celebrar as festas e gozar deste tempo tan familiar na lingua propia de Galicia”. Na presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, acompañárono o responsable de Bolanda Edicións, Antonio Couto; Rosa Vilas da Televisión de Galicia e o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray.  

 Axenda completa da xira  

 A xira “Un conto de Nadal” dos Bolechas comezará no Auditorio Municipal Carmen Estévez, de Vilalba o día 22 de decembro, ás 18:00 h; seguirá o día 23 na Casa da Cultura de Xinzo de Limia ás 17:00 h e o sábado 30 no Centro Cultural Xaime Illa, de Poio ás 19:00 h. O 2 de xaneiro os Bolechas chegarán á Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames), ás 17:00 h; o día 3 estarán na Casa da Cultura de Muros ás 18:00 h, o 4 no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro ás 19:00 h, o 6 de xaneiro no Auditorio Municipal do Carballiño ás 18:30 h e o domingo 7 de xaneiro rematarán a xira na Casa da Cultura de Sarria ás 17:30 h.  

 Toda a información e o calendario poderán seguirse no web dos Bolechas e, a partir de mañá, tamén no Portal da Lingua Galega, ademais de nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario