A «Biblioteca Solidaria» destinará o recollido ás asociacións San Vicente de Paúl e Conrazones
Ata o vindeiro luns 18 de decembro as persoas interesadas en participar participar nesta actividade tamén poderán aportar produtos típicos do Nadal
Infogauda / A Guarda
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda celebrou o Día da Biblioteca, que se conmemora cada 24 de outubro, promovendo diversas actividades dirixidas ao público en xeral. Entre elas destaca a «Biblioteca Solidaria», unha iniciativa na que aquelas persoas que se achegaron ao espazo de ocio e lectura municipal puideron escoller un libro descatalogado a cambio de aportar unha unidade de alimentos non perecedoiros.
Ata o vindeiro luns 18 de decembro as persoas interesadas en participar participar nesta actividade tamén poderán aportar produtos típicos do Nadal tales como turróns e outros doces, embutidos ou froitos secos, malia que estes sexan perecedoiros.
Todos os alimentos recollidos serán entregados á Asociación San Vicente de Paúl e a Asociación Conrazones para a súa distribución. Co fomento da colaboración solidaria a través desta actividade preténdese mellorar a calidade de vida das persoas ou grupos, especialmente aqueles que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención.
Esta é, así, unha maneira de fomentar a lectura e a solidariedade cos sectores máis desfavorecidos da sociedade dende a Biblioteca Pública, cuxa función principal pasa por achegar á cultura a toda a poboación á que serve, ofrecendo un espazo de convivencia e de oportunidades culturais, educativas e de inserción social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario