4 de out. de 2017

SEGURIDADE VIAL

Uxío Benítez: "É obriga dos administradores poñermos todos os medios posibles para evitar a violencia viaria" 

As autoridades iberoamericanas do II Congreso Iberoamericano de Seguridad Vial INTER-CISEV "toman nota" e "valoran positivamente" o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) da Deputación

Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, no II Congreso Iberoamericano de Seguridad Vial INTER-CISEV, onde presentou as características e obxectivos do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura que está a implantar a Deputación nas vías provinciais
Foto: D.P.

Infogauda / Sevilla

 "É obriga dos administradores poñermos todos os medios posibles para evitar a violencia viaria, xa que a sinistralidade nas estradas é a causa evitable e non natural que máis vítimas mortais orixina no mundo. O Plan MÓVESE da Deputación, o calmado do tráfico, é a nosa aposta para reducir as vítimas na provincia de Pontevedra". Así o manifestou onte en Sevilla o deputado de Mobilidade Uxío Benítez na súa participación no II Congreso Iberoamericano de Seguridad Vial INTER-CISEV, onde presentou as características e obxectivos do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura que está a implantar a Deputación nas vías provinciais.  

 Benítez puxo de manifesto que a Organización Mundial da Saúde (OMS) cifrou en 2015 un total de 1.250.000 mortos por violencia viaria e outros 54 millóns de feridas e feridos en sinistros nas estradas. Así mesmo, lembrou que o acordo da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible ten o obxectivo de reducir á metade o número mundial de mortes e de traumatismos por accidente de tráfico ata o 2020. 

 Neste sentido, o nacionalista asegurou que os países que acadaron reducir o número de mortes nas estradas conseguírono "dando prioridade á seguridade na xestión da velocidade", e lembrou que nos impactos nove de cada dez persoas sobrevive cando os vehículos circulan a 30 quilómetros hora, mentres que case ninguén o fai se a velocidade máxima sube a 60 quilómetros hora.  

 Benítez falou da realidade galega, en concreto da Franxa Atlántica, e destacou que o territorio en Galiza fai especialmente vulnerable á veciñanza polo continuo de núcleos de poboación. "Pontevedra é unha das dez provincias máis caras para contratar un seguro de coche, e iso é debido á súa sinistralidade. Había que actuar desde a Deputación, polo menos nas vías da nosa titularidade", dixo, xa que o "compromiso e actuación das administracións e dos tomadores de decisións é fundamental na toma de medidas".  

 O deputado explicou que a institución provincial ten como obxectivo estratéxico a seguranza viaria e desenvolveu o Plan MÓVESE para limitar a velocidade máxima con redutores de velocidade e pasos de peón sobreelevados. "É a única maneira efectiva de baixar a velocidade", asegurou. Neste sentido, lembrou que está en marcha un investimento de case catro millóns de euros e preto de 600 elementos de calmado de tráfico.  

 A presentación de Benítez en Sevilla foi acollida con grande expectativa por parte das autoridades internacionais participantes, que aseguraron "tomar nota" e valoraron positivamente a iniciativa, incluso falando da posibilidade de exportar o traballo a outros territorios. De feito, quedou sobre a mesa a posibilidade de que o plan provincial se presente no próximo congreso americano.  

 Pola súa banda, o deputado manifestou a súa satisfacción por ter participado no Congreso INTER-CISEV, onde puido comprobar que todos os países presentes nas xornadas, "incluso os menos desenvolvidos que o noso, fan da seguranza viaria unha aposta política estratéxica". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario