3 de out. de 2017

SAÚDE

FEAFES Galicia conmemora o Día Mundial da Saúde Mental con actividade en toda a comunidade  

• Dende fai 25 anos, o10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental para dar a coñecer esta realidade e trasladar aos axentes competentes as reivindicacións e necesidades do colectivo. 

• FEAFES Galicia impulsa aacción de sensibilización “O que teño na mente”, coa que se convida á cidadanía a reflexionar sobre como se pode fomentar a saúde mental no lugar de traballo.   



Ana Escrigas / Santiago de Compostela

  10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que cumpre 25 anos e conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS). A saúde mental no lugar de traballo foi o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración, considerando que se trata dun asunto de interese para os axentes sociais, as institucións e a sociedade en xeral. 

 A este propósito, entre o 2 e o 18 de outubro, numerosas asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia sairán á rúa para chamar a atención sobre esta realidade e trasladar aos poderes políticos, axentes sociais, medios de comunicación, empresas, profesionais de diversos ámbitos e á cidadanía en xeral, as reivindicacións e necesidades do colectivo. 

 Farano a través da acción de sensibilización “O que teño na mente” organizada por FEAFES Galicia, que ten como obxectivofomentar a participación da cidadaníana reflexión sobre os problemas de saúde mental e axudar a previr os riscos de ter desordesdesta índole no ámbito laboral. Para iso, as distintas asociacións sairán á rúa cun gran mural e animarán a todas as persoas que se acheguen a plasmar as súas propostas sobre como se pode fomentar a saúde mental no entorno laboral.  

 Estas accións terán lugar nun total de 25 localidades da comunidade autónoma e serán impulsadas por 12 das asociacións que conforman FEAFES Galicia. Moitas delas irán acompañadas de mesas informativas, xornadas de portas abertas, actuacións teatrais ou eventos deportivos, todo coa fin de sensibilizar sobre os problemas de saúde mental e trasladar unha imaxe normalizada deste colectivo. 

 As actividades presenciais completaranse cunha serie de accións na rede, como un mural dixital no que calquera persoa usuaria de Internet poderá facer as súas achegas sobre a saúde mental no lugar de traballo. Pola súa parte, a difusión en redes sociais farase a través do hagstag #oqueteñonamente, animando aos internautas a escribir as súas reflexións nun post it e facerse unha fotografía con el pegado na fronte. 

 Saúde mental e traballo 
 As persoas con problemas de saúde mental atópanse con grandes obstáculos á hora de integrarse no mundo laboral, debido, en gran parte, aos falsos mitos e ao descoñecemento que hai cara esta realidade. Existen vías para que calquera persoa, independentemente das súas circunstancias vitais, como pode ser un problema de saúde mental, exercite o seu dereito a acceder e manter un emprego; sendo fundamental ademais que as persoas con problemas de saúde mental formen parte activa da sociedade, sexan consideradas cidadás con dereitos e obrigacións e desenvolvan un sentimento de utilidade. 

 Dende as asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia, queremos promover o dereito de calquera persoa a acceder e manter un emprego, así como tomar conciencia sobre a necesidade de que os lugares de traballo sexan contornas saudables onde se coide a saúde mental. 

 Algúns datos 
 Estímase que o  25% das persoas terá un problema de saúde mental ao longo dá súa vida. Ademais, en Europa, os trastornos mentais son o segundo problema de saúde máis común no traballo. Os niveis de absentismo laboral, desemprego e solicitudes de incapacidade por problemas de saúde mental non deixaron de aumentar nos últimos anos: o 10% dos problemas crónicos de saúde e de incapacidade son trastornos mentais e emocionais. Por facernos unha idea daprevalencia desta realidade, a OMS estima que no 2020, a depresión será a segunda causa máis importante de incapacidade no mundo (European Network for Workplace Health Promotion- ENWHP). 

 En canto á inserción laboral das persoas con enfermidade mental, estímase que só un 15,9% delas traballa, a pesar de ser o segundo grupo máis numeroso de persoas con discapacidade en idade laboral (“El empleo de las personas con discapacidad”. Instituto Nacional de Estadística. 2015). As asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia denunciamos amplamente esta situación e reivindicamos o dereito destas persoas a ter un traballo digno e saudable, destacando o seu potencial e capacidades para poder desempeñar un posto de traballo de forma responsable e axeitada. 

 FEAFES Galicia 
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario