26 de set. de 2017

VALGA

O Partido Popular pide á Deputación máis apoio económico para os GES  

Ángel Moldes destacou que “é fundamental que os recursos que os concellos base están gastando actualmente no mantemento dos GES poidan destinarse a outras partidas, sobre todo porque non é competencia súa”. 

“O que temos agora é que os concellos reciben menos apoio económico da Deputación e por riba están pagando servizos que lle corresponden a ela”.  

O alcalde de Valga explicou que o GES ten un custe para este concello de 75.000 euros anuais e dá servizo a outros cinco concellos da comarca.  

O voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes, e o deputado, Luis Aragunde, durante unha visita ao GES ubicado en Valga, acompañado polo alcalde deste concello, Jose Mª Bello Maneiro
Fotos: G.P. P.P.

 Infogauda / Valga

 O grupo provincial do Partido Popular propón á Deputación de Pontevedra que asuma o custe que aportan os concellos base para o funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que son Valga, Baiona, A Guardia, Ponteareas, A Estrada-Lalín e Sanxenxo. Así o anunciaron esta mañá o voceiro do grupo provincial, Ángel Moldes, e o deputado, Luis Aragunde, durante unha visita ao GES ubicado en Valga, acompañado polo alcalde deste concello, Jose Mª Bello Maneiro.  

 Moldes explicou que o PP proporá este venres no pleno provincial “algo que xa se está facendo noutras deputacións, como a de Ourense, e que supón librar de cargas aos concellos de menos de 20 mil habitantes”. Os populares destacaron que actualmente os GES están financiados nunha parte importante polos concellos base, cando é un servizo supramunicipal que abarca a varios concellos. No caso de Valga, o alcalde aclarou que o orzamento municipal reserva 75.000 euros anuais para gastos de mantemento e funcionamento do GES que dá servizo a cinco concellos máis da comarca.  

 “Por iso é tan importante este acordo, porque é fundamental que os recursos que os concellos base están gastando actualmente no mantemento dos GES poidan destinarse a outras partidas, sobre todo porque non é competencia súa. Nos concellos de menos de 20 mil habitantes as competencias de emerxencias recaen directamente sobre a Deputación de Pontevedra”, engadiu Moldes.  

 Os deputados provinciais confían en que o resto da corporación apoie unanimemente esta proposta, “xa que é unha moción construtiva e totalmente obxectiva. O que temos agora é que os concellos reciben menos apoio económico da Deputación e por riba están pagando servizos que lle corresponden a ela”.   

De esq. a der.: O alcalde de Valga, Jose Mª Bello Maneiro co voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes

 De prosperar a proposta do grupo provincial do PP, a Deputación asumiría os preto de 300.000 euros que actualmente gastan os concellos de A Estrada-Lalín, A Guarda, Baiona e Valga, así como unha parte dos 550.000 euros que lles custa aos concellos de Ponteareas e Sanxenxo os servizos municipais de emerxencia.   

 Moldes sinalou que estes grupos de emerxencias teñen un carácter supramunicipal, pero a pesar de que algún concello base si ten regulado mediante ordenanza o custo de cada intervención, os importantes son baixos e insuficientes para cubrir o custe total do servizo.   

 Totalmente de acordo coa moción se amosou Bello Maneiro, que aplaudiu esta proposta do PP. “Pontecesures e Valga somos os concellos máis alonxados e que non cumpren a ratio do servizo de bombeiros, polo que non ten moito sentido que Valga estea afrontando estes gastos cando o resto de concellos, que si teñen os  bombeiros, non aportan nada”.  

 VALGA PERDE COA NOVA DEPUTACIÓN 
 Ademais, Ángel Moldes criticou que coa nova deputación os veciños de Valga saen perdendo. “Co goberno provincial do Partido Popular se subvencionaba e apoiaba outro tipo de servizos que agora non teñen o respaldo do Goberno Bipartito da Deputación”. Bello Maneiro puxo como exemplo o funcionamento do CODI de Valga, que desde que cambiou o Goberno na Deputación de Pontevedra deixou de recibir apoio económico para o seu funcionamento. Antes, explicou, a Deputación abonaba o 80% do custo e o Concello, o resto.  

 “Éncheselles a boca ao dicir que en Servizos Sociais aumentaron a partida, pero non sabemos onde invisten porque en Valga non vemos nada disto. O Concello está asumindo o 100% do gasto do CODI”, denuncia. Ademais, recordou que presentaron un contencioso contra a Deputación para reclamar que asuma unhas competencias que non son do concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario