26 de set. de 2017

EMPREGO

A XUNTA DE GALICIA FACILITARÁ A CONTRATACIÓN DE 32 PERCEPTORES DA RISGA EN 5 CONCELLOS DO BAIXO MIÑO


· O Goberno galego achega para este fin máis de 315.000 euros 

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que o Goberno galego financia a totalidade dos custes salariais e de Seguridade Social destas persoas  

José Manuel Cores Tourís, delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / Baixo Miño

 A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará na comarca do Baixo Miño a contratación de 32 perceptores da Risga (renda de integración social de Galicia) que ao longo dos próximos meses se encargarán de reforzar diversas tarefas de interese e utilidade social. 

 Así o explicou hoxe o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen destacou  que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar a súa cronificación nunha situación de exclusión. 

 En concreto, o Goberno galego achega para este fin máis de 315.000 euros, que servirán para financiar a totalidade dos custos salariais destas persoas (incluída a cotización á Seguridade Social). 

 “Serán 32 veciñas e veciños do Baixo Miño os que, grazas a esta iniciativa do Goberno galego, pasarán de percibir a Risga a obter un salario polo traballo satisfeito” , un feito que Cores Tourís quixo poñer en valor tanto no ámbito social como no relativo á oportunidade laboral que representa. 

 En particular nesta comarca, serán 5 os concellos beneficiarios deste apoio, que se corresponden coa totalidade dos que solicitaron a axuda. Ademais poderán efectuar o máximo de contratacións autorizadas en función do número de perceptores que hai en cada municipio, criterio que serve para establecer o tope de contratacións posibles. 

CONCELLO
traballadores a contratar

POSTO
TOMIÑO
10
2 limpadores, 6 peóns e 6 peóns construción
O ROSAL
5
peón limpador
TUI
10
Peón construción
OIA
2
Peón medidor
A GUARDA
5
1 ordenanza e
 4 peóns

32



 Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da Risga que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou dispoñan de máis de 45 anos. 

 As condicións do contrato serán as establecidas no convenio laboral correspondente ao posto de traballo que desempeñan. 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra concluíu incidindo en que esta medida ten como obxectivo conseguir a inserción laboral e a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables, partindo da premisa de que a mellor política social é o emprego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario