26 de set. de 2017

CALDAS DE REIS

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MELLORARÁ A SEGURANZA VIARIA E A MOBILIDADE EMPRESARIAL EN CALDAS DE REIS

CUNHA NOVA GLORIETA NA INTERSECCIÓN DA EP-8001 CO ACCESO Á AUTOESTRADA 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítezindica que o obxectivo é comezar as obras o vindeiro ano  

A presidenta Carmela Silva subliña o alto nivel de emprego feminino na planta de Clavo Food Factory

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez, xunto ao alcalde Juan Manuel Rey, na fábrica de Clavo 
Fotos: D. P.

Infogauda / Caldas de Reis


 O servizo de Mobilidade da Deputación vai  iniciar de xeito inminente os estudos técnicos e o proxecto para instalar unha nova glorieta na intersección entre a estrada provincial EP-8001 e o acceso á autoestrada en Caldas de Reis. Así llo comunicaron hoxe ao alcalde Juan Manuel Rey a presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez.   

 Benítez destacou que a nova glorieta satisfará as demandas de mellora de mobilidade para empresas e industrias da zona, así como tamén as demandas de seguranza viaria dos veciños e veciñas “para un punto tan crítico”. O nacionalista insistiu en que a actuación será consensuada co concello para desenvolver a visión urbanística e empresarial municipal, e apuntou que as obras –se todos os trámites saen conforme ao previsto-poderán iniciarse o vindeiro ano.  

 Segundo explicou o deputado de Mobilidade, a EP-8001 –que une Catoira coa N-550- é unha estrada moi importante dentro da rede viaria da Deputación de Pontevedra, cunha intensidade viaria de máis de 3.000 vehículos ao día. Benítez subliñou que o punto no que se pretende instalar a glorieta é unha zona complexa pola situación do acceso á peaxe autoestrada, sendo tamén crucial para mellorar a mobilidade veciñal cara a Santiago de Compostela e ao Sur da Provincia.  

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez, no punto onde se pretende construír a nova glorieta para mellorar a mobilidade das empresas da zona.

 O anuncio da nova infraestrutura foi realizado por Silva e Benítez tras a visita á empresa de elaboración alimentaria Clavo Food Factory. Esta firma, segundo manifestou o alcalde, éun claro exemplo dunha empresa que pretetende ampliar a súa actividade no Concello de Caldas e que precisa que se melloren as infraestruturas viarias.   

 En canto á glorieta, Rey manifestou o seu agradecemento polo compromiso adquirido polos dirixentes provinciais. “Eu agardo que dentro dun ano esteamos aquí no mellor dos días: cando a infraestrutura estea feita e que entre todos teñamos adiantado os mecanismos para o desenvolvemento desta zona empresarial”, asegurou o rexedor, que asegurou que a rotonda suporá unha mellora de mobilidade veciñal, pero tamén “é unha infraestrutura industrial”.  

 Emprego feminino  

 Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrouse orgullosa de empresas da provincia como Clavo pola súa aposta polo emprego feminino.   

 Na planta foi recibida por Emilio Clavo e Nicolás Lara, presidente e director xeral da firma que leva trinta anos instalada en Caldas. Carmela Silva agradeceu aos empresarios o recibimento e a invitación a visitar unha empresa que cualificou “como o ‘top’ da industria alimentaria na nosa provincia”.  

 A presidenta, que considerou necesario coñecer de primeira man a importancia na provincia de empresas como Clavo, tamén mostrouse moi orgullosa porque sexa unha empresa cunha ampla presenza feminina, xa que subliñou que do persoal da planta de Caldas, unhas 365 persoas “unhas trescentas sexan mulleres. Son das convencidas que para a igualdade o emprego das mulleres é fundamental”.  

 Silva subliñou que ademais de ser unha empresa cunha ampla traxectoria que aposta pola innovación e a tecnoloxía, cunha calidade máxima e ser unha das referencias do sector alimentario “crea emprego de calidade e para mulleres”.    

 Para a presidenta Clavo Food Factory aposta por permanecer en Caldas e seguir crecendo neste entorno “para o que as administracións públicas temos que escoitar aos alcaldes que son os que nos transmiten as demandas. Como é o caso de Caldas que nos demanda que temos que actuar en infraestruturas provinciais para permitir o desenvolvemento de esta empresa e de outras da zoa , porque o alcalde esta a defender o seu municipio. É unha estupenda noticia estar nunha empresa que quere seguir crecendo e que aposta por facelo na nosa provincia creando riqueza e emprego”.  

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez co alcalde Juan Manuel Rey

 Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey, tamén mostrou a súa satisfacción porque a empresa manteña o seu compromiso de seguir crecendo en Caldas e anunciou “que queimarei as miñas pestanas para que Clavo manteña o seu compromiso caldense nun momento que falamos tanto de traslado de empresas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario