4 de maio de 2017

PONTEVEDRA

O presidente da Xunta de Galicia asistiu esta tarde á entrega dos premios ‘Pontevedreses do Ano 2016’ 

Feijóo refírese aos Pontevedreses do Ano como a proba de que os galegos non precisamos buscar exemplos fóra e de que nada é imposible na Galicia do século XXI 

Afirma que todos eles son unha magnífica representación dun pobo exemplar que non só avanza en progreso material, senón sobre todo en virtudes cívicas

Destaca a importancia do traballo do Diario de Pontevedra, un xornal que pertence aos seus habitantes e que está do lado dos seus intereses, converténdose no eco das súas inquedanzas

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo conversando co pintor Jorge Castillo, en presenza do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, e outras persoalidades

Infogauda / Pontevedra

 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos galardoados co premio Pontevedreses do Ano como a proba de que os galegos non precisamos buscar exemplos fóra e de que nada é imposible na Galicia do século XXI.
 Feijóo incidiu, deste xeito, en que non hai sector económico ou actividade humana onde non haxa individuos, colectivos, asociacións ou empresas ás que poidamos mirar con orgullo para dicir: “son dos nosos”.
 Nesta liña, salientou o labor e a entrega nestes vinte anos dos compoñentes da Fundación Amigos do Camiño Portugués, unha ruta que percorreron o ano pasado máis de 50.000 peregrinos. Así como os éxitos artísticos do pintor Jorge Castillo, “un home que peregrinou por estilos para atopar o xubileu dun estilo propio”.
 Do Grupo Nogar destacou que é unha peza fundamental da nosa economía desde o ano 1942, coa súa actividade portuaria, loxística, comercial, inmobiliaria e de enerxías renovables. E de María Alicia Carolina Estévez Toranzo, a segunda muller na historia que ingresa na Real Academia Galega de Ciencias, subliñou a súa responsabilidade na economía mariña galega ao fronte do Instituto de Acuicultura da Facultade de Bioloxía da USC.
 Así mesmo, referiuse ao Club Baloncesto Marín como un exemplo do deporte galego, cuxa tradición baloncestística de máis de setenta e cinco anos e unha devoción polo deporte base explican os seus éxitos. E resaltou a contribución de Miguel Carballeda, presidente da ONCE e do Comité Paralímpico Español a que en España a discapacidade estea presente e activa.
 Feijóo fixo fincapé en que todos eles son unha magnífica representación dun pobo exemplar que non só avanza en progreso material, senón sobre todo en virtudes cívicas. “Galicia ten un valor engadido que non se pode medir con magnitudes, pero que é real, activo e efectivo”, dixo.
 O presidente da Xunta concluíu destacando a importancia do traballo do Diario de Pontevedra, un xornal que pertence aos seus habitantes e que está do lado dos seus intereses, converténdose no eco das súas inquedanzas. “Esa comunicación de proximidade e pertenza está nas orixes do periodismo e é nos nosos días a mellor garantía de futuro”, lembrou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario