24 de abr. de 2017

TURISMO

Turismo de Galicia impulsa a contratación de persoal nas oficinas de municipios turísticos e xeodestinos 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do proceso de concesión de subvencións outorgadas por un importe de máis de 235.000 euros para un total de 47 destinos

Infogauda / Santiago de Compostela

 Turismo de Galicia destinará máis de 235.000 euros para axudar a un total de 47 destinos de Galicia para contratar persoal nas súas oficinas de turismo durante as épocas de máis afluencia de visitantes a estes destinos.
 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe luns 24 de abril o resultado do proceso de concesión destas subvencións, que se concederán a 47 destinos galegos -4 máis que o ano pasado-, entre municipios turísticos e xeodestinos.
 Conscientes de que a afluencia turística dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro nestes municipios fai necesaria a contratación de persoal nas súas oficinas de turismo, Turismo de Galicia puxo en marcha estas subvencións que na convocatoria deste ano presentaba como novidade a posibilidade de que, ademais dos concellos declarados municipios turísticos, puidesen optar a estas axudas os 18 xeodestinos e subxeodestinos de Galicia.

 Garantir a calidade no servizo de información

 Grazas a estas axudas garantirase o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de maneira que se potencie a imaxe tanto dos municipios de interese turístico como de toda a Comunidade Autónoma no ámbito nacional e internacional.
 O persoal que se contrate nestas oficinas deberá ser persoal cualificado, en posesión de títulos de información e comercialización turística ou técnico superior en guía; información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas; grao ou diplomatura en turismo ou equivalente homologado ou habilitación de guía de turismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario